Thursday 21 de November de 2024

O certame de tapas máis antigo de Galicia abre a súa inscrición no 150 aniversario do nacemento de Picadillo


O XX Concurso de Tapas Picadillo celebrará unha nova edición do 22 de novembro ao 1 de decembro

Os establecementos poderán adherirse ata o 31 de outubro na web do concurso na que haberá un formulario de inscrición

O certame de tapas máis antigo de Galicia, o Concurso de Tapas Picadillo, regresa á cidade na súa XX edición, que se celebrará desde o día 22 de novembro ata o 1 de decembro. Ademais, esta edición coincide co 150 aniversario de nacemento de Manuel María Puga e Parga ‘Picadillo’, escritor, gastrónomo e político que dá nome ao certame.
O Goberno de Inés Rey continúa impulsando este certame co obxectivo de incentivar o sector hostaleiro con novidades atractivas para os clientes e clientas. O prazo de inscrición neste concurso xa está aberto. Os establecementos interesados en participar poderán inscribirse ata o 31 de outubro a través do formulario da páxina web www.tapaspicadillo.es.
Haberá dúas categorías: Tapa Creativa e Tapa Recetario Picadillo. A primeira deberá empregar técnicas e presentación innovadoras, mentres que a segunta estará baseada no recetario ‘La cocina práctica’ de Picadillo. O prezo das tapas será de entre 2 e 4 euros.
Nesta vixésima cita, o Concurso de Tapas Picadillo contará cos seguintes premios: Mellor Tapa Creativa, Mellor Tapa Receitario Picadillo e Mellor Tapa por Votación Popular. Todas as tapas deberán ser orixinais, elaborados de maneira artesanal, con produtos de quilómetro cero ou galegos.