As novas instalacións, situadas en Labañou, contan con salas polivalentes e un comedor, cunha capacidade de ata 40 persoas usuarias
O Concello puxo en marcha este venres o Centro de Atención Continuada de Padre Rubinos, no barrio de Labañou, tras completar os traballos de reforma levados a cabo no antigo albergue da institución benéfico social, co obxectivo de dar servizo a persoas en risco de exclusión social.
Os traballos, que supuxeron un investimento de 715.000 euros, leváronse a cabo na planta baixa e no semisoto do inmoble, espazos que se remodelaron e onde se crearon novas dependencias con capacidade para 40 persoas usuarias. Na actualidade, continúan os traballos noutros espazos do centro para crear novas dependencias e ampliar o número máximo de capacidade.
Esta intervención sobre o antigo albergue da Institución Benéfico Social Padre Rubinos, un edificio construído no ano 1971, produciuse en virtude do acordo acadado entre o Goberno de Inés Rey e a entidade en abril do ano 2021, cando se formalizou un convenio de colaboración para recuperar o edificio co fin de adecuar as instalacións para o seu uso social e asistencial, atendendo as necesidades actuais das persoas usuarias.
O acordo subscrito estipulaba que o Concello asuma, en réxime de cesión, as instalacións do albergue —unha superficie de case 2.000 metros cadrados—, baixo o compromiso de construír unhas instalacións que cumprisen os requisitos fixados pola normativa para establecer un Centro de Atención Continuada.
Neste sentido, o centro de Labañou complementa desde hoxe os demais recursos cos que conta o Concello para atender persoas en situación de exclusión social e permite que dispoñan de espazos de descanso e usen as instalacións no horario nocturno de 20.00 a 10.00 horas. Entre as novas dependencias destacan as salas polivalentes que se habilitarán para as persoas usuarias, así como o ambigú e os aseos.