— A colaboración entre o Goberno galego e os tres concellos permitirá reformar e ampliar a residencia municipal de Boimorto, que contará con 14 novas prazas, e acometer a construción de dous centros de día en Toques e Sobrado, con 25 prazas cada un
— Fabiola García agradeceu aos rexedores o seu compromiso para dotar aos seus concellos con servizos sociais “útiles, eficaces e de proximidade” e garantiu que os concellos “sempre terán a man tendida da Xunta para seguir coordinados e traballando coa mirada posta na mellora dos vosos veciños e veciñas”
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta mañá o Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros de maiores de titularidade municipal na provincia da Coruña, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros en equipamentos sociais e a creación de 65 novas prazas públicas.
Fabiola García, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, explicou que este plan permitirá a colaboración entre o Goberno galego e os concellos de Toques, Boimorto e Sobrado na construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores nestes municipios.
Concretamente, acometerase a reforma e ampliación da residencia municipal de Boimorto, que grazas a un investimento de 500.000 euros contará con 14 novas prazas. Ademais, construiranse dous novos centros de día: un en Sobrado, ao que se destinarán 348.000€, e outro en Toques, que recibirán 283.000€. Cada un destes centros contará con 25 prazas de atención diúrna. A conselleira asinou os convenios coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo; co alcalde de Toques, José Ángel Penas, e co rexedor de Sobrado, Luís Lisardo Santos.
Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de investimentos para equipamentos sociais de titularidade municipal dirixidos a persoas maiores, que permitirá crear 650 prazas públicas en toda Galicia. A conselleira lembrou que este plan forma parte dun acordo de colaboración iniciado hai dous anos coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co obxectivo de mellorar a atención aos maiores nas áreas máis pequenas e rurais de Galicia. Así, a Xunta puxo a disposición dos concellos un total de 18,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos para a ampliación de centros existentes ou a construción de novas infraestruturas.
Tras a sinatura dos convenios, Fabiola García agradeceu aos rexedores o seu compromiso para dotar aos seus concellos con servizos sociais útiles, eficaces e de proximidade e felicitounos por ter unha especial sensibilidade de cara as políticas sociais. Garantiu, ademais, que “sempre tedes a man tendida da Xunta para seguir, como ata agora, coordinados e traballando coa mirada posta na mellora dos vosos veciños e veciñas”.
Incremento de prazas públicas
A conselleira fixo fincapé en que grazas a medidas como este plan de investimentos, a Xunta continúa reforzando a rede pública de coidados. Neste sentido, lembrou que desde o ano 2009, o Goberno galego triplicou a oferta de prazas públicas para maiores, pasando de 5.500 a máis de 15.000 dispoñibles.
Por último, destacou que este plan de investimentos enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego de crear 1.000 novas prazas públicas de residencia e de atención diúrna para maiores e persoas con discapacidade nos primeiros 100 días de mandato.