Thursday 21 de November de 2024

A arte crítica de Conde Corbal recala na Pobra a través da exposición O fardel da guerra


Xosé Conde Corbal tivo unha longa traxectoria como debuxante, pintor e ilustrador e, precisamente, a través da súa profesión, da arte, logrou capta-la historia. En O fardel da guerra, publicado en 1987, amosa a Guerra Civil e a longa posguerra a través de 88 láminas e unha portadiña. Pero non acada éxito nese momento. Con motivo do centenario do nacemento do artista, a Deputación de Pontevedra reedita no 2023 a obra sobre a guerra civil e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital colle tamén o testemuño de difusor dun dos grandes ilustradores galegos do século XX.

A comezos deste ano, o dito Museo do Gravado inaugurou nas súas instalacións a exposición Xosé Conde Corbal. O fardel da guerra 1936-1986 e, xunto coa Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, chega neste mes de outubro á casa da cultura Raquel Fernández Soler. Atópase integrada por unha escolma de 40 láminas nas que se atopan as pezas A nova do fillo morto pola patria, Fusilamento de Bóveda, Os bicos da nai, Vaise ó monte, Fuxidos polo mar, Rapaban as roxas, Alfonso Rodríguez Castelao ou Ramón María del Valle-Inclán.

Unha serie de estampas que amosan “unha visión crítica dunha época convulsa na historia do noso país: a Guerra Civil Española, a posguerra e a ditadura franquista. Por iso, podemos ver escenas nas que, a través da arte, podemos palpa-la fame, o loito, o terror daqueles anos. E tamén temos a persoeiros testemuñas deste período; un deles cun vínculo indiscutible coa Pobra do Caramiñal: Valle-Inclán. Corbal colle ao creador do esperpento para comprender mellor aqueles anos, para deixar memoria dun mundo negro e castrador”, en palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, durante o acto inaugural que tivo lugar na tarde deste 10 de outubro, no que o toque musical veu da man de Esperanza Mara.

A obra plástica de Conde Corbal, segundo apunta a edil, “conxuga o analítico (a razón) e o emotivo (o sentimento) para que, nun expresionismo figurativo, o espectador comprenda á perfección o relato visual e, polo tanto, o fondo do tema que reflicten as súas pezas e non só a forma. Deste xeito, a súa arte lévanos nunha viaxe no tempo para manter viva a memoria e convidar á reflexión.” Lojo quixo tamén agradece-la colaboración do Museo do Gravado, entidade que gabou por “ser un importante axente na dinamización cultural, especializado no gravado, que centra o seu labor na colección, catalogación, estudo e difusión da arte gráfica e das persoas creadoras arredor desta técnica.”

O fillo do artista pontevedrés, Enrique Corbal, falou das dificultades polas que pasou a concepción desta exposición ata que finalmente veu a luz para trasladar gran parte da historia de España no século XX.

Pechouse a quenda de intervencións coas palabras do alcalde, José Carlos Vidal, quen rememorou o momento no que coñeceu a obra de Conde Corbal catalogando un libro sobre Valle-Inclán durante a súa etapa como bibliotecario. A partir de aí, indagou máis sobre as súas creacións de marcado carácter expresionista e a súa visión do mundo: flora, cruceiros, retratos… ata chegar aos gravados sobre a guerra. Cualificouna como “unha obra marabillosa” na que “cada peza é un relato en si” cun grande proceso de documentación tras de si e referíndose a persoas ou colectivos determinados. Pois iso, cando foi coñecedor de que o Museo do Gravado tiña estas láminas, non dubidou en apostar por traelas ao público da Pobra.

Poderá visitarse durante todo o mes de outubro, de luns a venres, de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.