Distinguiuse ás empresas FORVIA e VELCA (Vigo) e Sarpel Ingeniería e Instra Ingenieros (A Coruña)
O Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) entregou os premios Energy Days 2024 ás mellores actuacións realizadas no sector enerxético en Galicia. Unhas distincións concedidas ás actuacións realizadas polas empresas Forvia, Velca, Sarpel Ingeniería e Instra Ingenieros.
Os premios foron entregados polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila; o xerente e o secretario de Cluergal, Oriol Sarmiento e Nonito Aneiros, durante a Noite Enerxética, un evento celebrado na noite de onte mércores en Santiago no que participaron máis dun cento de persoas. Uns galardóns que “recoñecen e distinguen as boas actuacións realizadas no sector enerxético galego en materia de eficiencia enerxética, innovación, emprendemento e enerxías renovables”, explica Sarmiento Díez.
O premio á EFICIENCIA ENERXÉTICA foi para FORVIA, a antiga Faurecia Seats, por un proxecto de mellora da eficiencia enerxética na súa planta emprazada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (PTLV). Unha actuación dirixida pola empresa ENGIE e que supuxo a renovación das súas luminarias convencionais por outras LED de alta eficiencia da firma LEDISSON. Un premio entregado por Pablo Fernández a Constantino Santos e Joaquín Costas, director de Enxeñería e Mantemento e director de HSE de FORVIA.
Con este proxecto, esta firma viguesa líder na fabricación de asentos para a automoción conseguiu reducir ao mínimo os consumos enerxéticos e a redución das emisións de CO2, incluíndo sensores de luz e presenza nun número importante das luminarias para que cada unha delas se autorregule de forma independente e optimice ao máximo cada vatio consumido. Grazas a este proxecto, FORVIA obtivo un aforro do 74%, pasando dun consumo de 118 kw en iluminación convencional a soamente 31 kw en tecnoloxía LED, mellorando ademais o alumeado existente.
A empresa coruñesa Sarpel Ingeniería fíxose co premio de ENERXÍAS RENOVABLES polo proxecto de instalación de 1.600 paneis solares nas cubertas dos edificios da sede central de La Voz de Galicia, en Sabón (Arteixo), abarcando unha superficie total de 3.822 m2. Un premio recollido por Antonio López Guisande, director de proxectos EPC de Sarpel, de mans de Ángeles Santos Casal, responsable de relacións institucionais de Genesal Energy.
Este ambicioso proxecto de transición enerxética alíñase tanto co compromiso medioambiental como co expertise en solucións de enxeñería eléctrica desta empresa coruñesa. O obxectivo principal desta instalación fotovoltaica era reducir o consumo enerxético da empresa e, con isto, a súa pegada de carbono. Cunha capacidade de xeración de 800 kilovatios pico (kWp), a instalación permite a La Voz de Galicia cubrir aproximadamente o 20% do seu consumo eléctrico anual, o que supón unha redución significativa na súa factura enerxética. En termos medioambientais, a instalación evita a emisión de 349 toneladas de CO2 anuais, o que representa unha contribución clave na loita contra o cambio climático.
O galardón ao mellor PROXECTO EMPRENDEDOR recaeu na empresa viguesa VELCA pola súa firme aposta pola mobilidade sostible transformando o sector do transporte a través da fabricación e comercialización de motocicletas eléctricas. Esta alternativa ecolóxica non so reduce as emisións de carbono, senón que tamén promove un estilo de vida máis sostible nas cidades. Un galardón recibido por Emilio Froján Fernández, CEO de VELCA, de mans de Fernando Romero Martínez, presidente de EIDF Solar.
VELCA destaca pola súa utilización de tecnoloxías avanzadas e unha aposta polo deseño, sendo elixida mellor marca de motos eléctricas de 2023. Velca aposta por minimizar o impacto ambiental durante todo o ciclo de vida dos seus vehículos a través dunha alta capacidade de innovación, o que se traduce nun impacto positivo para impulsar o cambio cara un futuro máis sostible e eficiente en España e Galicia, onde se colocou en apenas catro anos como o segundo fabricante de motos eléctricas con máis matriculacións.
O proxecto Makemake, da empresa coruñesa Instra Ingenieros, foi premiado na categoría de INNOVACIÓN pola súa solución avanzada e sostible para a protección da avifauna nos parques eólicos. Jesús Balseiros, CEO de Instra Ingenieros, recolleu o galardón que lle entregou Francisco Silva Castaño, delegado de Iberdola en Galicia.
Nun contexto no que a enerxía eólica consolidouse como a principal fonte de xeración eléctrica no país, cubrindo o 24% da demanda en 2023 e cun crecemento previsto para alcanzar o 31% en 2030, é crucial abordar os retos ambientais que plantexa a súa expansión. Makemake utiliza Intelixencia Artificial de última xeración para detectar en tempo real a presenza de aves cerca dos aeroxeradores, minimizando o risco de colisións mediante a toma de decisións automatizadas como ralentizar as turbinas ou usar disuasores acústicos. Esta capacidade para adaptarse ás particularidades de cada parque eólico e a súa contorna natural demostra o compromiso do proxecto coa sostibilidade e a innovación tecnolóxica.
Ademais, el enfoque de Makemake non so garante unha maior eficiencia na protección de especies protexidas, senón que tamén ofrece unha flexibilidade notable ao poder ser implementado tanto en parques eólicos terrestres (onshore) como en alta mar (offshore). Grazas ao seu sistema baseado en redes neuronais, é posible adestrar os algoritmos para identificar aves de interese en calquera emprazamento xeográfico, o que contribúe á personalización e eficacia do proxecto.
Premios de comunicación enerxética
A entrega dos premios Energy Days completouse coas distincións á comunicación no sector enerxético. Así, o premio DIFUSIÓN NO SECTOR ENERGÉTICO foi concedido ao diario dixital Quincemil pola súa destacada labor informativa e compromiso coa sostibilidade. Un galardón entregado por Paula Oliete Trillo, subdirectora xeral de Enerxía da Xunta de Galicia, ao director de Quincemil, Pablo Grandío.
O xurado dos Energy Days destacou que “na súa corta existencia, Quincemil xa amosou un enfoque constante no sector enerxético, contribuíndo á concienciación social sobre a importancia da transición enerxética en Galicia. A través dunha cobertura informativa rigorosa e profunda en temas enerxéticos, Quincemil conseguiu influír positivamente na opinión pública a favor das enerxías renovables, a eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica para impulsar un futuro máis sostible en Galicia”.
Finalmente, Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, entregou o premio COMUNICADOR ao enxeñeiro industrial vigués Roberto Carlos González Fernández en recoñecemento á súa destacada traxectoria como comunicador no sector enerxético, así como polo seu labor como organizador de diversos eventos relacionados co sector. Roberto Carlos González é un referente no ámbito da iluminación pública e nos últimos anos sobresaíu polo seu rol como director do simposium Urban Solutions, un evento galego clave no desenvolvemento de solucións urbanas innovadoras e sostibles.
O xurado subliñou “a súa capacidade non so para liderar proxectos técnicos, senón tamén para impulsar o diálogo e a colaboración entre profesionais, empresas e organismos públicos dentro do sector enerxético”.