A cita contará con 50 postos, 4 actuacións musicais e diferentes propostas gastronómicas
O mercado municipal de San Agustín acollerá esta fin de semana o Mercado das Nubes de Outono, unha iniciativa promovida polo Concello con unha ampla variedade de propostas comerciais, musicais e gastronómicas. O evento celebrarase este venres, sábado e domingo na planta superior do mercado.
O Mercado das Nubes é un mercado urbano no que mercar de maneira sostible e responsable, visibilizando o talento, a creatividade e a diversidade de propostas de máis de 50 participantes, que apostan polo deseño, a creatividade, a ecoloxía e a proximidade. Nesta edición hai confirmada a presenza de máis de 50 marcas locais e microempresas de roupa, arte, cosmética natural, decoración, gastronomía, artesanía e causas solidarias.
Ademais, está prevista a participación do grupo Coruña Cociña, en colaboración con Maridaxes KmC de Estrella Galicia. Nesta edición participarán Chisco Jiménez, de Culuca, o sábado de 13.00 a 14.30 horas preparando a súa ensaladilla rusa e Antonio Amenedo do Pazo de Santa Cruz, o domingo no mesmo horario, preparando callos.
Haberá ademais catro actuacións musicais ao longo dos tres días: o venres ás 19.00 actuará Diana Pombo, o sábado ás 13.45 será a quenda de Iván es Juan, o sábado en sesión de tarde a partir das 18.30 estará Javi Regueiro e o domingo ás 13.45 horas pechará o espazo musical Erik Leipeich. Por outra banda, haberá unha zona infantil para nenos e nenas con persoas coidadoras ao seu cargo.
O horario do Mercado das Nubes de Outono será: o venres 11 de 17.00 a 21.00, o sábado 12 de 11.00 a 21.00 e o domingo 13 de 11.00 a 18.00 horas.