A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participou neste evento xunto co director xeral de Desenvolvemento Rural
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participou na promoción do selo Galega 100% no concello coruñés de Boqueixón, con motivo da celebración da XXXIII edición da Festa da Filloa de Lestedo.
Nesta ocasión, Belén do Campo estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo. Ambos repartiron minibricks de leite con este selo de calidade diferenciada e folletos informativos sobre a orixe deste produto entre os asistentes a esta Festa de Galicia de Interese Turístico.
A directora xeral salientou que Boqueixón é un dos máis de trinta concellos de toda Galicia incorporados á campaña de promoción de Galega 100%. Estes municipios colaboran así coa iniciativa da Xunta, que busca impulsar este selo de calidade, así como o eido agroalimentario en xeral e o sector lácteo galego en particular.
Belén do Campo informou aos asistentes de que baixo este selo de Galega 100% identifícase o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. Incidiu en que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de granxas inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.
Actos promocionais
Esta acción de promoción complementa as actividades levadas a cabo por toda a Comunidade da man da Administración galega. Así, cómpre destacar as charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en diferentes eventos deportivos, feiras agroalimentarias e outros actos con importante afluencia de público.
A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.