Friday 22 de November de 2024

Presentación das novas actividades do auditorio


O Auditorio novo de Ribeira acollerá novas actividades que foron presentadas no día de hoxe pola concelleira de Cultura, Antía Alberte, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes máis o dinamizador cultural, Unai González.

Agora mesmo está en marcha a Mostra de Teatro, que como sabedes continuará todos os venres ata o 20 de decembro e que está a ser todo un éxito pois esgotamos as entradas e bonos para cada unha das funcións que xa tiveron lugar. E a finais de outubro as instalacións acollerán tamén a Mostra Internacional de Cinema Documental “Mares da Fin do Mundo” na súa VII edición con máis novidades das que xa daremos conta.

Pero hoxe tamén queremos avanzar outras propostas nas que estamos traballando para que contribúan a dinamizar a cultura non só ribeirense senón do resto do territorio que nos rodea, así como aumentar a oferta cultural de calidade no municipio. O feito de contar cun equipamento que posibilita a oferta de espectáculos de maior tamaño, calidade e proxección supón un compromiso que asumimos con responsabilidade aproveitando a oportunidade de achegar propostas de interese para a veciñanza do municipio en particular e da contorna en xeral, transformando Ribeira nun facho de cultura que sexa referente no entorno xa que contamos cun público potencial superior ás cen mil persoas residentes nas comarcas do Sar, Noia e Barbanza.

A proposta máis inmediata será xa o sábado 19 de outubro ás 20:00 h na Sala Polivalente do auditorio. Trátase da proxección da curtametraxe de cine clásico “Balle Voyage” da produtora Estudo Momento realizada como homenaxe e inspirada no mestre do suspense Alfred Hitchcock e que ven da man da Deputación da Coruña.
Despois da proxección a directora Iria Ares e o produtor Xoán Mejuto, tamén protagonistas do filme, farán unha presentación das claves para o deseño da curtametraxe e animarán ao público a facer intervencións e preguntas sobre o cinema clásico en Galicia, o universo Hitchcock, etc. A entrada será de balde ata completar o aforo da sala (120 persoas).

Tamén froito da colaboración co ente provincial, o xoves 21 de novembro ofreceremos outra proxección ás 11:30h da mañá, neste caso dirixida á alumnado de educación secundaria de Ribeira. A peza que poderán visualizar é o documental de Nós Televisión Bravú XXX, que fala dos 30 anos deste movemento cultural e a conexión que continúa a ter coa música galega actual coincidindo co 30 aniversario da súa fundación; o filme está conducido polo mítico Xurxo Souto.

E nesa mesma semana de novembro, o sábado 23 ás 20:00 h, o auditorio acollerá o espectáculo teatral “Iconos ou a exploración do destino” do artista de recoñecida sona nacional Rafael Álvarez “El Brujo”. É un dos actores e dramaturgos máis emblemáticos do teatro español, e grazas á colaboración que establecemos dende a área de Cultura coa produtora, conseguimos que a súa xira actual faga parada en Ribeira por primeira vez para amosarnos este monólogo de humor que reflexiona sobre a tradición oral dos relatos mitolóxicos na traxedia grega. Esta cita é importante xa que Ribeira será xunto a Ferrol, a única cidade que visitará na xira deste espectáculo, recalando a maiores en Oviedo no día anterior polo que a nosa cidade será o punto de encontro de moitos afeccionados e fans galegos que queiran velo, sobre todo do sur do País.

A produtora porá á venda as entradas para esta actuación nos vindeiros días a través da billeteira de Ataquilla.com, para que se poidan mercar online dende a casa pero tamén manteremos a venda presencial de luns a venres na oficina de atención cidadá do Concello en horario de 9 a 14 h e unha hora antes do espectáculo nas instalacións do propio auditorio. En canto ao prezo, recalcar que no marco desta colaboración, conseguimos rebaixar o importe das entradas e a empresa fixounas para o espectáculo en Ribeira a 18€ para o patio de butacas xeral e fila inclusiva e a 16€ para as zonas de Baixa visibilidade (máis os gastos de xestión que correspondente a Ataquilla.com).
Xa no mes de decembro, teremos as seguintes propostas. Por unha banda, o 6 de decembro (venres) contaremos coa obra “HUGO” de Náufragos Teatro ás 19.00 horas. Esta é unha obra teatral dirixida a público familiar, que foi premiado nos María Casares de 2022 como mellor espectáculo infantil e que aborda o tema do trastorno do espectro autista na infancia. Unha peza chea de sensibilidade e empatía que fala da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala pero deberán reservarse as entradas igualmente dende Ataquilla.com. A apertura de portas será media hora antes.

E tamén podemos avanzar que o 15 de decembro, en colaboración con outra empresa produtora de espectáculos, contaremos cun musical infantil inspirado nunha coñecida película de Disney. Os detalles deste espectáculo, venda de entradas e demais desvelaranse en datas próximas en canto pechemos as condicións da colaboración.

Tamén quería comentar o éxito que están a ter os espectáculos ofrecidos polo noso grupo municipal de teatro, xa que foi un éxito a súa actuación o pasado sábado no VII Festival Teatro no Camiño en Melide e continuarán percorrendo outros municipios como Rois e Porto do Son con “Criaturas” ou Santiago e Ames con “O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)”, así como que fai dúas semanas que comezaron os ensaios do Grupo Municipal Infantil de Teatro para o que aínda quedan 4 prazas libres por si algún cativo de 7 a 12 anos se quere matricular.

Seguiremos a traballar nesta liña, incrementando as propostas culturais e organización de actos e eventos a través de todas as fórmulas posibles, dende convenios entre institucións, integración de Ribeira en proxectos como a Rede Cultural da Deputación ou a Rede Galega de Teatros e Auditorios entre outras, e a negociación con produtoras, distribuidoras, cooperativas e outras industrias culturais que nos permitan incrementar, diversificar e promover a oferta de espectáculos e da que iremos dando conta.