· Está dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos empadroadas no municipio.
· Para participar terán que crear un vídeo curto co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a loita contra as violencias machistas e/ou o fomento da igualdade de xénero.
· O prazo para envialos remata o 18 de novembro e para subilos ás redes o 19 de novembro.
O Concello de Camariñas organiza, dentro da programación de actividades polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, un concurso en redes sociais contra a violencia de xénero dirixido a todos os rapaces e rapazas empadroados en Camariñas que teñan entre 12 e 18 anos.
Para facelo, en primeiro lugar terán que crear un vídeo curto (máximo 1 minuto) co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a loita contra as violencias machistas e/ou o fomento da igualdade de xénero. Unha vez gravado, terán que envialo por correo electrónico a muller.ssociais@camarinas.net.
Logo, o persoal da área de Igualdade revisará o vídeo. Se é aprobado, a persoa participante deberá subilo ás súas redes sociais utilizando o hashtag #CamariñasSinViolencias e etiquetando en Instagram a @camarinas e en TikTok a @igualdadecamarinas. Os vídeos aprobados tamén serán publicados nas redes sociais oficiais do Concello.
A data límite para enviar os vídeos por correo electrónico é o 18 de novembro e para subilos ás redes sociais é o 19 de novembro.
As persoas participantes optarán a tres premios: o primeiro, un vale de 50 euros; o segundo, un vale de 30 euros; e o terceiro, un vale de 20 euros. O xurado do concurso estará formado polos seguintes membros: a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, a técnica de Igualdade, un representante dos centros escolares, un representante da área de Cultura e un representante da área de Deportes.