Pasadas hai algo máis dun mes as festas de Bardaos, nas que se procesiona con bocois cheos de calimotxo, este sábado tocaranos facer o propio co San Loureiro, a figura vexetal que, desde 1998, honra en Santa Mariña á natureza e o espírito comunitario ancestral que comparten todas as parroquias. Será o sábado 12 de outubro no local social da Golpilleira con xantar -reservas no 630 811 062 (Pilar) ou 607 619 310 (Camila)- e outras actividades organizadas pola ACRD Santa Mariña do Monte.
A historia desta peculiar celebración está recollida na web Fálame de San Sadurniño, onde tamén se dá conta do nacemento da Asociación Cultural Recreativa de Santa Mariña do Monte co obxectivo de dinamizar a parroquia. Un nacemento simultáneo coa rehabilitación das antigas escola para convertelas en local social e co impulso a unha festa “singular e panteísta”, na que se mesturaban as vellas crenzas precristiáns.
Segundo se recorda en Fálame, a festa chamouse nos seus comezos “Santo Lourido”, ainda que logo había quedar en “San Loureiro”. O santo representábase cunha figura feita con follas de loureiro que percorría a parroquia en sagrada procesión. Pola tarde noite facíase unha cea-baile con actuacións musicais.
A primeira festa celebrouse o sábado 17 de outubro de 1998 e séguese a celebrar na actualidade. A data elixida neste 2024 é este sábado 12 de outubro.
A xornada arrancará ás 13:00h coa sesión vermú animada pola solista Marisol, quen lle dará paso a iso das 14:30h a un xantar a base de callos, carne asada, pan, sobremesa, bebida e café. O prezo son 25€ persoas socias e 30€ as non socias (rapazada menor de 10 anos, gratis). Para informarse ou reservar hai que contactar cos teléfonos 630 811 062 (Pilar) ou 607 619 310 (Camila)
As actividades continuarán tralo xantar coa actuación de Bailes do Mundo e do grupo de acordeón Os da Xesteira. Á noitiña desenvolverase a tradicional procesión do San Loureiro, e como culminación do día, música de novo co grupo Badulaque e festa rachada con Marisol.
E se chove, que chova, xa que haberá carpa.