Thursday 21 de November de 2024

Últimos días para solicitar as axudas do Concello de San Sadurniño para a plantación de maciñeiras autóctonas


O día 17 de outubro ás 23:59h rematará o prazo para presentar as solicitudes da liña de subvencións convocada polo Concello de San Sadurniño para potenciar a replantación de castes autóctonas de mazá, concretamente das variedades Ollo mouro e Príncipe. Trátase dunha convocatoria que ten unha dotación económica de 10.000 euros destinados a cofinanciar aquelas plantacións novas que se establezan dentro do territorio municipal e con superficies comprendidas entre os 1.000 e os 4.000 m². A finalidade destas axudas, pioneiras en Galicia, é promover a reintrodución das mazás do país nos mercados, especialmente nos máis próximos, xa sexa en fresco ou transformadas en produtos como zumes ou marmelos de alto valor engadido.

A convocatoria municipal diríxese a subvencionarlles ás persoas físicas (as axudas están pensadas para particulares) a compra de planta de Ollo mouro e/ou Príncipe en portainxertos MM-106. Neste sentido establécese que cada persoa só poderá presentar unha solicitude para plantar un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 m². En principio só poderá elixirse unha das variedades e para obter subvención para as dúas será necesario plantar polo menos 2000 metros cadrados de cada unha delas.

En calquera caso, sexa Ollo mouro ou sexa Príncipe -ou as dúas-, os marcos de plantación terán que ser, como pouco, de 4×4 metros, cos que se asegura un correcto desenvolvemento das árbores e un bo equilibrio produtivo, ademais de facilitar a mecanización dos labores de mantemento e colleita. O importe subvencionable será de 10 euros por planta -se a superficie total non é múltiplo de 1.000, aplicarase unha regra de tres- até un máximo de 2.000 euros por solicitude.

A valoración das peticións farase outorgando ata 50 puntos: 20 por ter empadroamento en San Sadurniño desde polo menos tres meses antes da convocatoria das axudas e ata 30 puntos máis dependendo do número de persoas que compoñan a unidade de convivencia (dúas, 10 puntos; tres, 20 puntos; catro ou máis, 30 puntos).

A axuda, unha vez concedida, terá que xustificarse no prazo de dous meses despois de recibir a notificación. Esa xustificación requirirá presentar, por unha banda, o documento no que se faga constar a compra da planta e, por outra, a folla á que se lle deberá adxuntar unha pequena reportaxe fotográfica sobre como quedou a plantación. Neste último anexo tamén se terá que facer constar se se percibiron outras axudas coa mesma finalidade, sempre sen superar o 100% do custe total.

O último día para presentar as solcitudes será o 17 de outubro. O trámite poderá facerse presencialmente no rexistro municipal (ata as 14:00h), a través da Sede Electrónica (até as 23:59h) ou polos outros medios válidos admitidos na normativa que regula as relacións da cidadanía coas Administracións públicas.

Nos formularios deberán facerse constar os datos persoais e de contacto, ademais das referencias catastrais das leiras onde se van poñer as maceiras e a superficie total que se pretende dedicar ás novas plantacións. Tamén se deberá acompañar a petición dunha reportaxe fotográfica do estado previo das parcelas, sacadas como máximo un mes antes da solicitude. É moi importante ter presente que nas leiras para as que se pida a subvención non pode haber plantadas de antes maceiras de Príncipe ou Ollo mouro.