Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez reitera no parlamento que Galicia conta este curso con máis profesores malia ter menos alumnos


Ademais, por primeira vez o alumnado galego pode estudar de balde ata a universidade, grazas á nova gratuidade das matrículas impulsada pola Xunta

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe no Parlamento como un dobre reto superado a organización do curso 2024/25 no marco da maior modernización acometida no ensino galego no marco dos últimos 30 anos. Como proba destacou que este ano o sistema educativo galego conta con máis profesores ca nunca, 31.603, malia ao descenso de alumnos, con 4.000 menos nas etapas de Infantil e Primaria.

Neste sentido, salientou como un dos piares deste camiño de melloras o acordo asinado cos sindicatos, que permite manter abertas más de 200 aulas este ano e arredor de 900 nos próximos tres, que coas rateos anteriores pecharían.

O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé na progresividade do acordo e en que a Consellería está a aplicar todos o seus puntos. As propias organizacións recoñecen que xa se están a notar as melloras. Así mesmo, puxo en valor medidas como a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais para ofrecer unha atención máis personalizada, reforzando a Galicia como a comunidade co ensino máis inclusivo de España.

Ensino de balde ata a universidade

Román Rodríguez incidiu tamén na importancia nesta senda de mellora do ensino galego a gratuidade das matrículas universitarias e das ensinanzas artísticas superiores, impulsada pola Xunta para garantir a educación totalmente gratuíta para os galegos desde a escola infantil aos estudos superiores, unha medida pioneira e única en España.
“Despois de conxelar as taxas durante 14 anos consecutivos, quixemos dar un paso máis”, afirmou o conselleiro, lembrando que preto de 20.000 estudantes universitarios e de ensinanzas artísticas se van poder beneficiar da gratuidade da matrícula. “A universalización do acceso ás ensinanzas superiores vaise traducir nun aforro medio de 3.000€ que se suma ás medidas xa existentes”, dixo o conselleiro.

Cumprimento de rateos

No referido a peticións concretas por parte dalgunhas comunidades educativas, o conselleiro afirmou que en todos os casos se cumpren tanto as rateos como o número de alumnos máximo establecidos para os agrupamentos.

Así, en relación ás preguntas realizadas sobre os centros de Muxía (colexios CEIP Virxe da Barca, CEIP de Vilarmide-Eduardo Noya e CEIP dos Muíños), Laxe (CPI Plurilingüe Cabo da Area), Fisterra (CEIP Areouta), Cee (CEIP Plurilingüe Vila de Cee) e Carnota (CEIP do Pindo), Miño (CPI Castro Baxoi) e Alfoz (CEIP Plurilingüe do Castro de Ouro), Román Rodríguez explicou que todas as unidades están por debaixo das rateos máximas establecidas. De feito a rateo global nestes centros están entre os cinco e os 12 alumnos por profesor.

Atención á diversidade
No que se refire á atención á diversidade, estase a ponderar ao alumnado con necesidades educativas especiais tanto en Infantil como en Primaria, ademais de reforzar os recursos para atender ao alumnado cos especialistas que necesitan en cada momento.

Neste caso puxo como exemplo o CEIP dos Muíños (Muxía), que este curso ten cinco alumnos máis e vai contar cun docente máis e un especialista en Pedagoxía Terapéutica a maiores que o curso pasado, ou o CEIP do Pindo (Carnota), que con menos alumnos conta cos mesmos especialistas (un en Audición e Linguaxe e outro en Pedagoxía Terapéutica).

Tamén se reforzou o cadro de persoal do CPI Castro Baxoi (Miño), que aumenta un especialistas en Audición en Linguaxe (hai 2 do centro, ademais de 2,5 especialistas en Pedagoxía Terapéutica); mentres que no caso do CEIP Plurilingüe do Castro de Ouro (Alfoz) se axustou ás necesidades do alumnado, pasando de ter un especialista en Pedagoxía Terapéutica compartido a ter un en Audición e Linguaxe tamén compartido, isto por riba do que lle corresponde por catálogo.