O pasado luns 30 de setembro celebrouse o pleno ordinario da Corporación do Concello de Ribeira onde o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes presentou unha proposición cun amplo expediente onde se detallou o estado de mantemento e conservación que presentan actualmente os portos do municipio que é manifestamente mellorable, polo que se aceptou a iniciativa de trasladar ditas demandas de usuarios ao órgano competente na materia. A esta proposición engadíronse dúas emendas unha delas para instar á Xunta a que se implique para que Ribeira volva ter descarga de buques mercantes e outra para que se instale fibra óptica nos portos.
Máis polo miúdo dito expediente enumera tódalas necesidades básicas para o bo desenvolvemento da actividade portuaria por parte dos mariñeiros e mariñeiras de noso municipio das que sobresaen tres peticións de carácter de urxencia, a primeira e máis importante é a dragaxe da dársena do porto de Ribeira por mor dos constantes problemas que están a ter os barcos con certo calado para desenvolver o seu traballo.
O concelleiro Abraldes manifestou neste senso que “se pretendemos ser o porto de baixura máis importante de Europa o primeiro será estar á altura do que se predica xa que o mar para Ribeira é o principal vector na dinámica económica da cidade”.
Outras emerxencias importantes é do arranxo do alumeado nos portos de Aguiño, Corrubedo e Ribeira así como reparar a fenda do pantalán do porto de Castiñeiras.