Monday 25 de November de 2024

O Concello amplifica a comunicación coa veciñanza co seu novo servizo de novas por Whatsapp


 O servizo, que permite recibir directamente no móbil de xeito gratuíto as novidades municipais, comeza a funcionar hoxe

 

 Sergio Platas: “Un dos pilares da nosa xestión é a transparencia. E agora damos un novo paso co Whatsapp, que axudará a chegar de xeito máis directo ás persoas que non manexan as redes”

O Concello de Paderne amplifica a comunicación coa veciñanza co seu novo servizo de recepción de novas a través de Whatsapp. A través desta iniciativa do goberno local dirixido por Sergio Platas busca potenciar as vías de comunicación coa súa xente e favorecer que un maior número de persoas poidan estar ao tanto das novidades municipais en materia de servizos, charlas e formacións, actividades, ocio ou axudas, entre outras moitas cuestións.
As persoas que desexen desfrutar deste servizo, que non ten custo algún para os e as usuarios e usuarias, tan só deben gardar na axenda do seu móbil o teléfono 659 144 807. Unha vez realizado este primeiro paso, o proceso de inscrición complétase enviando a este mesmo número un Whatsapp coa palabra ‘ALTA’.

Unha vez executen esta pauta, os veciños e veciñas recibirán unha mensaxe de confirmación (non automática) e comezarán a recibir as novidades a través de mensaxes difundidas.
Para Sergio Platas, alcalde de Paderne, “a transparencia é un dos pilares da xestión do equipo de goberno” que el dirixe. “Cando comezamos o mandato, apostamos por crear unhas novas redes sociais modernas e funcionais. E agora damos un novo paso co Whatsapp, que axudará a chegar de xeito máis directo ás persoas que non manexan as redes”, matizou.

No caso de ter problemas para darse de alta, o Concello de Paderne pon á disposición da xente aos e ás empregadas municipais. Por iso, anima a esas persoas que non logren acceder ao servizo a que se acheguen directamente á Casa Consistorial, onde recibirán a axuda necesaria.