Friday 22 de November de 2024

Energy Days confirma que a mobilidade eléctrica é unha realidade a nivel técnico que aínda non está implantada na sociedade galega


O xerente de Cluergal constata que “España vai con certo atraso con respecto á UE tanto en infraestruturas de recarga como no propio parque móbil, que se vai substituíndo pouco a pouco”

O Seminario de Combustibles Sostibles conclúe que son xa unha realidade que permite reducir a pegada de carbono, valorizar os residuos e apoiar o desenvolvemento da industria

A mobilidade eléctrica foi un dos temas que máis miradas centrou das primeiras sesións do congreso Energy Days, un foro de debate sobre enerxía, industria e dixitalización organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) que se desenvolver ata mañá xoves na Cidade da Cultura de Santiago. O xerente de Cluergal, Oriol Sarmiento, destaca que “en materia de mobilidade enerxética, España vai con certo atraso con respecto á Unión Europea tanto en temas como infraestruturas de recarga como no propio parque móbil, que se vai substituíndo pouco a pouco”.

Unha cuestión que se debateu na sesión “Mobilidade eléctrica e infraestrutura de recarga”, na que participaron Elena Hidalgo, responsable de Industria Dixital de CETIM Technological Centre; Emma Granell, xestor técnico de Smart Mobility en Iberdrola; e Yulimar Ricón, enxeñeira en Enerxías Renovables de SGC. As tres poñentes coincidiron en destacar que, tal e como sucede desde a 1ª Revolución Industrial, as innovacións prodúcense de forma rápida a nivel tecnolóxico, pero a sociedade tarda en adaptarse a elas.

Así, Elena Hidalgo indicou que “a mobilidad eléctrica é unha realidade e, a nivel técnico, a tecnoloxía está desenvolta, aínda que é necesario seguir apostando pola innovación para superar os desafíos presentes aínda neste sector”. Un punto no que coincidiu Emma Granell, quen expuxo como o sector está contribuíndo á redución de emisións e á loita contra o cambio climático, ao mesmo tempo que destacou os grandes retos aos que se enfrontan compañías como Iberdrola á hora de levar os puntos de recarga públicos rápidos e ultrarrápidos a autovías e cidades, complementándoos con zonas urbanas en grandes superficies, hoteis, aparcamentos públicos… Ademais, apuntou algúns dos proxectos piloto nos que traballa Iberdrola como son puntos de recarga en farolas ou bancos de baterías para motos.

Neste punto, Yulimar Ricón destacou a importancia da infraestrutura de recarga na viabilidade do vehículo eléctrico, debendo adecuarse ao número de vehículos, aos tempos de carga e á infraestrutura eléctrica. Así, indicou que “a implantación de puntos de recarga de alta potencia en emprazamentos existentes presenta unha serie de retos, tanto de espazos como de conexión á rede eléctrica existente”.

Finalmente, todas as poñentes coincidiron na necesidade de seguir avanzando na implantación da mobilidade eléctrica e, sobre todo, conseguir unha maior implicación da sociedade para que este cambio se produza o máis rápido posible. Algo ao que contribúen foros de debate como os Energy Days, desmontando mitos e expoñendo os últimos avances para conseguir unha mobilidade eléctrica máis eficiente. Un punto no que incidiu Elena Hidalgo, quen presentou algunhas das investigacións realizadas en CETIM en tecnoloxías que faciliten a circularidade dos materiais e a transformación dos procesos convencionais para un menor impacto medioambiental.

Combustibles sostibles

Durante a mañá de hoxe mércores os Energy Days acolleron a primeira edición do Seminario de Combustibles Sostibles, organizado pola Cátedra de Transición Enerxética da Universidade de Santiago e Genesal Energy. Coas ponencias de Susana Benedicto Calpe, coordinadora de Transformación na Refinería de Repsol na Coruña, e Antía Míguez Fariña, tecnóloga en Genesal Energy, o seminario contou tamén cunha mesa redonda dirixida por Raquel Maquieira, fundadora de 91 Grados, na que participaron Enrique Roca, director da Cátedra; Julio Arca, CEO en Genesal Energy; Jacobo Bouzada Rodríguez, socio xerente en JB Ingenieros; e Antonio López Perales, director de Vertex Bioenergy.

Raquel Maquieira sinalou que “na sesión concluímos que os combustibles sostibles son xa unha realidade e una boa solución xa que reducen a pegada de carbono, son unha forma de valorizar os residuos, son de aplicación inmediata e apoian o desenvolvemento da industria”.

Intelixencia artificial e dixitalización

Os Energy Days pecharán mañá xoves a súa programación co congreso Enerdixital, centrado en dous aspectos: intelixencia artificial e dixitalización. Así, presentaranse aplicacións da IA no sector enerxético e casos prácticos en comunidades enerxéticas e protección da avifauna nos parques eólicos. Ademais, incidirase na importancia da utilización de IA para integrar as enerxías renovables, estabilizar as redes e establecer un equilibrio entre produción e consumo eléctricos, axudando a deseñar unha rede que minimice as perdas de transmisión e maximice a eficiencia en función da demanda da enerxía e a densidade da poboación.

Finalmente, a Cidade da Cultura acollerá a presentación dos principais avances ata a data no cambio de modelo enerxético ou alumeado público. Ademais, debaterase sobre ciberseguridade, realidade virtual, innovacións na xestión de sistemas enerxéticos híbridos, dixitalización de redes eléctricas e casos prácticos de éxito de empresas como Navantia ou Reganosa.