O recoñecemento avala as políticas municipais nesa materia e é un aliciente para continuar realizando accións desas características.
O Concello da Laracha recibirá por terceiro ano consecutivo a Bandeira Verde de Galicia, o distintivo co que a Xunta premia aos municipios que destacan polo seu labor a prol do coidado da paisaxe e do patrimonio natural. Hoxe foi comunicada a resolución da concesión por parte do Instituto de Estudos do Territorio.
Neste ano son un total de 24 os municipios da comunidade que obteñen este recoñecemento ao ser considerados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto ao medio ambiente, a minoración das emisións de CO2 e a redución do consumo enerxético.
Entra as accións levadas a cabo polo Concello e que posibilitaron a concesión deste distintivo destacan o plan de mellora da eficiencia enerxética coa renovación da iluminación pública, o proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta do pavillón Municipal, a recuperación de espazos de alto valor ambiental, a posta en valor do Castro de Montes Claros, a homologación da ruta de sendeirismo xunto ao río Bradoso, a humanización de rúas nos núcleos urbanos, a construción da pista polideportiva descuberta en Paiosaco ou o programa de compostaxe doméstica, entre outras iniciativas.
A Bandeira Verde, creada no ano 2020, é un distintivo que fortalece a imaxe do Concello da Laracha e avala as políticas medioambientais municipais, sendo un aliciente para continuar realizando no futuro accións destas características.