O Concello de Frades vén de facerlle unha homenaxe a Concepción Carneiro Castro, veciña de Vilarello de Arriba (Moar), que onte venres cumpriu 100 anos de idade. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros de Servizos Sociais, Ángeles Álvarez Carro, e Infraestruturas, Ramón Garabato Boga, visitaron a Concepción na súa vivenda de Moar, onde hoxe sábado está prevista unha gran festa familiar á que asistirán preto dun cento de parentes da centenaria.
Os representantes municipais entregáronlle a Concepción Carneiro un ramo de flores e unha placa conmemorativa do Concello de Frades á única centenaria do municipio, cando menos ata o vindeiro mes de abril. Concepción agradeceu a homenaxe e compartiu café e pastel de cumpreanos canda parte da familia. Unha festa que se parou no momento no que Concepción se ergueu da mesa porque “hai que darlles de comer aos bichiños”, xa que aos seus cen anos segue indo ás cuadras. A festa continuou ata a madrugada, pois un dos hobbies desta centenaria é xogar ás cartas.
Veciña de toda a vida de Vilarello de Arriba, Concepción Carneiro é viúva e ten sete fillos, doce netos e oito bisnetos. Foi labrega e gandeira durante toda a súa vida e se atopa nun bo estado de saúde. As súas fillas explican que só toma dúas pastillas e que na súa longa vida só tivo unha operación de cataratas. Tamén indican que non lle gustan nada os médicos nin os hospitais, polo que mesmo preferiu pasar a noite desa operación nunha pensión de Santiago ca no propio hospital. A día de hoxe, Concepción Carneiro pode ler perfectamente, como demostrou lendo a placa de homenaxe do Concello de Frades, e mesmo anda sen axuda de bastón, tanto pola casa como pola súa aldea.