Friday 22 de November de 2024

Os servizos municipais xestionaron máis dun cento de incidencias tras o paso da borrasca Kirk por Santiago


Os diferentes servizos municipais xestionaron desde a noite de onte ata esta mañá máis dun cento de incidencias, por mor do paso da borrasca Kirk. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, fixo balance dos incidentes nunha rolda de prensa na que mostrou o seu agradecemento e recoñecemento á Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Tussa, así como ao persoal das empresas concesionarias dos diferentes servizos, “polo seu traballo e implicación nas últimas horas, que foron moi intensas”.

O edil de Convivencia explicou que desde as 2:00 da madrugada ata as 11:00 da mañá, os bombeiros realizaron 53 saídas, das que 45 foron por caída de árbores. Tamén atenderon diferentes incidencias a Policía Local, Protección Civil, e a empresa concesionaria de parques e xardíns. A maioría das incidencias, 45, foron por caídas de árbores. Nalgúns casos, esta situación derivou en cortes de estradas que ocasionaron problemas para o tráfico, sobre todo na rotonda de Vidán con Victoria Míguez, e na Avenida de Lugo, pola caída de árbores do Seminario Menor.

Xan Duro explicou que os cortes de tráfico, e as retencións derivadas deles, causaron importantes problemas no servizo de transporte público, coas liñas 6, 6A (Os Tilos-San Marcos-Aeroporto), 5 (Vite-Rocha), 7 (Aríns) e as liñas circulares como as máis afectadas. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia explicou que a normalidade foise recuperando ao longo da xornada, se ben á hora da rolda de prensa (12.30 horas) algunhas liñas sufrían atrasos e outras estaban en situación de regulación horaria para retomar os horarios normalizados.

Incidencias en muros e tellados

Ademais da caída de árbores, rexistrouse a caída de tres muros privados, en Poza Real de Arriba, na rúa de Ultreia e Campiña de Guadalupe. Xan Duro resaltou tamén os danos nos tellados do Conservatorio Superior de Música, no colexio de Fontiñas, onde unha árbore rompeu durante a noite un lucernario do módulo de educación infantil; no mercado de gando de Amio, ou no CSC da Trisca

Por último, Xan Duro apuntou que a caída de árbores provocou problemas tamén no subministro eléctrico, que xa foron solventados salvo algún caso puntual; e causou danos nunhas 400 luminarias do alumeado público.

Segundo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, no Campus Sur rexistrarónse durante toda a noite refachos de vento que superaron os 60 km/hora, e o maior rexistro foi de 71,6 km/hora, ás 7:38 horas. Ademais, recolléronse 73,9 litros/m2 entre as 20 horas de onte e as 10 horas desta mañá. Noutras zonas do municipio puido haber refachos de ata 114 km/hora.