A alcaldesa presidiu a presentación da exposición, aberta ao público desde hoxe na Sala de Exposición Salvador de Madariaga
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a presentación da mostra ’60 anos do Instituto Cornide: Pensamento de cidade’, que desde hoxe está aberta ao público na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga. A rexedora estivo acompañada do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, da directora do Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide, Ana Romero, e do comisario da mostra, Emilio Grandío, entre outras persoas asistentes.
“60 anos despois do seu nacemento podemos festexar a traxectoria desta institución coruñesa, que atravesa na actualidade un momento doce, e que con esta magnífica exposición volve poñer en valor o seu traballo, que é nada menos que o coñecemento da nosa urbe”, sinalou a alcaldesa. A mostra leva a cabo unha viaxe pola historia da institución e o seu papel durante estes 60 anos de existencia no desenvolvemento da cidade ata a súa situación actual.
A alcaldesa felicitou á dirección do Instituto Cornide e aos responsables da exposición por “amosar un labor de décadas a prol da cidade e de Galicia, da nosa cultura, das ideas máis avanzadas e do coñecemento do pasado para proxectarse no presente e máis alá”. “É unha obriga e un pracer defender hoxe legados como os de José Cornide, ese “gran patriota gallego” como se pode ler na placa que o lembra na Casa da Cidade Alta que leva o seu apelido, e que oxalá axiña poidamos devolver á cidadanía”, apuntou Rey.