Inés Rey: “A reforma tivo como obxectivo principal reordenar o espazo para facelo máis funcional e accesible”
A intervención contou cun investimento de 929.459,55 euros, un dos máis relevantes realizados no barrio
A alcaldesa anunciou que o Concello sacará a licitación a xestión da cafetaría este mesmo mes, completando o servizo do centro
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o novo Centro Cívico Municipal do Birloque, reformado integralmente para o seu uso social, cultural, educativo e veciñal por parte de todas as veciñas e veciños do barrio. A intervención contou cun investimento de 929.459,55 euros, un dos máis relevantes realizados no barrio. Rey, acompañada das concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa; e Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas; explicou as actuacións realizadas no edificio: “A reforma tivo como obxectivo principal reordenar o espazo para facelo máis funcional e accesible, máis cómodo para os usuarios e usuarias, e cun mellor servizo” sinalou a rexedora.
De acordo coas actuacións levadas a cabo, en primeiro lugar o Concello demoleu a estrutura interior, retirou tabiques e levantou o acabado do chan. Ademais, actuouse en toda a envolvente para adaptala á nova estrutura en anel. Coa reforma, na zona central sitúanse todos os cuartos e almacéns, e déixase o anel exterior para albergar as salas e os despachos.
Ademais, reservouse a fachada principal do edificio para dispoñer os accesos ao centro e ás salas que funcionan de forma independente. Estas son a sala de servizo da Cociña Económica, a sala de actividades, con almacén e outros dous aseos; e a sala TEU, con cociña e dous aseos, que calquera pode solicitar para organizar eventos. Todas elas contan con acceso directo desde o exterior, o que permite que poidan ser utilizadas sen necesidade de que o resto do centro permaneza aberto.
1
Nota de Prensa
En canto á fachada posterior, situáronse tres salas de actividades que conectan directamente coa terraza, pensando que a súa actividade poida ser susceptible de moverse ao aire libre. Para dotar dunha maior versatilidade aos tres espazos dividíronse mediante tabiques móbiles, permitindo que se poidan levar a cabo tres actividades diferentes ao tempo.
Tamén se localizan tres despachos que serán ocupados por persoal de Servizos Sociais e funcionarán como punto de atención social, e contan cunha sala de espera para servizos sociais, unha sala de reunións, unha de informática e dous despachos para uso por parte das asociacións, un deles destinado á Federación Provincial de Asociacións Veciñais da Coruña, cuxo local xa estaba localizado no edificio. A presidenta da entidade, Luisa Varela, acompañou á alcaldesa e ás edís do Goberno na visita. A todos os espazos se pode acceder dende a fachada principal e dende o anel central onde se localizan os aseos, o almacén e a conserxería.
Así mesmo, Rey anunciou que o Centro Cívico do Birloque se completará co servizo de cafetaría: “Este mesmo mes sacaremos a licitación a súa xestión co obxectivo de dar un servizo completo no centro cívico” sinalou. A alcaldesa chamou os veciños e veciñas do Birloque a gozar do renovado espazo para que “o centro pase a encherse de actividades, de persoas e en definitiva, de vida de barrio” concluíu.
Curso de capacitación dixital no Birloque
A alcaldesa explicou que no novo centro xa se están a impartir actividades educativas. “Hoxe mesmo comezou un curso de capacitación dixital de trinta horas para 15 persoas. O curso, que será impartido en horario de mañá, das 9.30 ás 13.30 horas, forma parte da subvención recibida polo Concello da Coruña do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a creación dun centro de capacitación dixital municipal no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.
O Concello da Coruña foi unha das oito entidades galegas á que lle foi concedida esta axuda e a única cidade, xunto con Vigo, en obter os fondos para a creación do centro e pasando a formar parte da rede estatal de Centros de Capacitación Dixital que teñen como meta facilitar o acceso á formación dixital da cidadanía, especialmente dos colectivos con risco de exclusión dixital.