· O obxectivo deste programa, impulsado polo Ministerio de Sanidade e a FEMP, é a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida de calidade.
· Executaranse diferentes accións dirixidas a promover a saúde, previr enfermidades ou lesións.
O Concello de Camariñas levará proximamente a pleno a proposta de adhesión á ‘Estrategia de Promoción de la Salud y Prevención en el SNS’, un programa promovido polo Ministerio de Sanidade e pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Esta estratexia persegue a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida en boa saúde e libre de incapacidade Propón o desenvolvemento progresivo de intervencións dirixidas a promover saúde, previr as enfermidades, as lesións e a discapacidade, actuando sobre factores como a actividade física, a alimentación e o benestar emocional.
As actuacións que se porán en marcha nunha primeira fase céntranse en:
• Facilitar información de calidade para que todas as persoas poidan desenvolver estilos de vida saudables.
• Facilitarase información e colaboración dos recursos (sanitarios ou non) dispoñibles na zona para promover estilos de vida máis saudables.
• Focalizaranse estas accións en poboación infantil.
Entre as actividades que ten previsto desenvolver o Concello de Camariñas neste sentido están: Ioga Terapéutico, Saúde e Natureza, Camariñas Saudable ou Concello Activo.
Dentro dos acordos que se levarán a pleno, está o de constituír unha mesa intersectorial no municipio que servirá como instrumento de colaboración entre sectores para gañar saúde nun marco que envolva a todas as políticas que se leven a cabo.