Friday 22 de November de 2024

As Somozas convoca unha serie de axudas á natalidade, con achegas de ata 3.000 euros


• Esta medida ten por obxectivo converterse en complementaria ao apoio familiar e ao fomento da fixación da poboación no termo municipal.

• Están destinadas ás familias con crianzas nadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

O Concello das Somozas convoca unha serie de axudas á natalidade, con achegas de ata 3.000 euros, en apoio ás familias do municipio.

Teñen por obxectivo converterse nunha medida complementaria ao apoio familiar e ao fomento da fixación da poboación no termo municipal. Están destinadas ás familias con crianzas nadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

Segundo os diferentes requisitos, estas axudas terán as seguintes cantidades:
• 1.000 euros polo/a primeiro/a fillo/a nado/a, adoptado/a ou acollido/a.
• 2.000 euros polo/a primeiro/a fillo/a nado/a, adoptado/a ou acollido/a, no caso de padecer unha discapacidade.
• 2.000 euros polo/a segundo/a e sucesivos/as fillos/as nados/as, adoptados/as ou acollidos/as.
• 3.000 euros polo/a segundo/a e sucesivos/as fillos/as nados/as, adoptados/as ou acollidos/as, no caso de padecer unha discapacidade.

Poderanse presentar as solicitudes de forma virtual na sede electrónica do Concello das Somozas ou ben de forma presencial no Rexistro das Somozas. Poderanse presentar cun prazo máximo de seis meses desde a data de nacemento, resolución xudicial de adopción ou resolución administrativa de acollemento.

O alcalde, Juan Alonso Tembrás, indica que “o que buscamos con estas
axudas é fomentar a natalidade no noso municipio, así como tamén axudar a cubrir as necesidades básicas no momento dun nacemento, que son moitas.
Agardamos que esta achega sirva de apoio ás familias e poidamos contar con novos nenos e nenas nas Somozas”, argumentou.

As bases para solicitar esta subvención pode atoparse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/08/19/2024_0000005774.html