Hoxe presentáronse os Orzamentos de 2024, os encargados de detallar as partidas orzamentarias polo miudo foron o alcalde Luís Pérez e a concelleira de Facenda Herminia Pouso.
Ribeira contará cun Orzamento de 31.615.596,22 euros, así o explicou tanto o alcalde como a concelleira de Facenda. Esta cifra supón unha redución dos recursos de 4.742.624,09€ con respecto ás contas do ano 2023. A diminución explícase a que nos Orzamentos de 2023 consignáronse o 100% dos investimentos de carácter plurianual como son a obra de renovación da casa consistorial cifrada en 3.855.000€, entre outras. Así mesmo, as contas da anualidade 2023, tamén incluían os fondos achegados por distintas Administracións como: fondos Next Generation, Pirep 1 e 2, Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, Fortalecemento da actividade comercial, a subvención de Transformación Dixital e distintos convenios asinados coa Xunta de Galicia para financiar as obras como as do novo auditorio de Ribeira.
Por outra banda o capítulo II, de gastos en bens correntes e servizos, increméntase en máis de 1.645.523 euros derivado do importante aumento dos custos enerxéticos, a alza dos contratos de Servizo de Axuda no Fogar (dependencia), Escola Infantil Municipal e pola revisión de prezos
en contratos de servizos de auga e saneamento, recollida de lixo e alumeado público que absorben máis dun millón de euros en subas de 504.000€, 377.000 e 132.000€ a maiores respectivamente.
Facturas e gastos pendentes
Dende o Concello de Ribeira informan de que as liñas de actuacións en materia de investimentos iniciadas polo goberno anterior seguen precisando de achegas económicas con cargo aos presentes orzamentos, supoñendo unha carga financeira considerable e implicando, á súa vez, unha minoración de recursos ordinarios para afrontar mantementos das infraestruturas existentes.
Exemplos deses gastos son os 638.000€ que están pendentes de aboar pola construción do novo auditorio, os 744.000€ do módulo cuberto de atletismo, 537.000€ destinados ao alumeado público, 23.500€ para facturas pendentes da rehabilitación do lavadoiro do río Artes, os 16.000€ que haberá que gastar para rematar o Centro Social de Carreira ou os 11.000€ da liquidación da obra realizada na escola unitaria de Corrubedo. Ademais aínda se deben uns 90.000€ a empresas que realizaron os seus servizos no mandato anterior.
Prioridades: evitar a suba de impostos e reforzar mantementos, limpezas e coidado de persoas
A pesar deste escenario de forte inflación, suba xeneralizada no custo dos servizos municipais e facturas pendentes de anos anteriores, o goberno local apostou por non elevar a presión fiscal á veciñanza.
Malia todo, o goberno local segue apostando por incrementar as partidas que son prioritarias como mantementos, limpezas ou o coidado de persoas. Así pois, por segundo ano consecutivo sóbense as partidas destinadas a conservación de infraestruturas (+11,1%), deportes (9,2%), dependencia (18,6%), medio ambiente (+20.000€).
Tralo aumento dun 28,05% do ano pasado o equipo de goberno tamén destaca o aumento dun 1,7% da partida destinada a apoiar as entidades deportivas, sociais, culturais, educativas así como a eventos deportivos, culturais, festivos e económicos que acada a cifra de 850.400 euros.
Así entidades como A Creba, Amicos, Renacer, Caritas, Ice Renovación, AECC, Cruz vermella, Faibén, Ambar, Agape, Liceo Marítimo, Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade contan nestes Orzamentos coas previsións económicas para dar cobertura aos convenios que se formalicen co concello. Outras entidades tamén contan co apoio do Concello de Ribeira con cesión de locais para prestar a atención ás persoas con demencias como o caso de Agadea.
Segundo analizaron, o compromiso deste goberno local é claro coas entidades que traballan en favor da sociedade. Destacar tamén a achega de subvencións ás entidades deportivas con 150.000€ en subvencións directas, así como o apoio a aqueles deportistas individuais que acadan recoñecementos na sua traxectoria deportiva para que o custe da realización destas prácticas deportivas sexa menos gravosa para as súas familias.
Tamén se garante o apoio ás comisión de festas das distintas parroquias, o que é un reflexo do apoio as acción que manteñen vivas ás nosas tradicións e á nosa cultura. Dentro tamén do eido cultural recólle un convenio para seguir mantendo o funcionamento do Museo Etnográfico de Artes, así como a aportación para os programas financiados pola Deputación Provincial para o Museo do Grabado de Artes. Resaltar tamén o apoio específico para seguir impulsando a Festa da Dorna , declarada de interés turístico e que ten unha subvención nominativa de 40.000€.
No eido da educación recóllense un aumento da contía destinada a apoiar as actividades a realizar polas Anpas co obxectivo de dar cobertura aos custes de monitorados naqueles centros que teñan en marcha programas madruga ou comedores escolares. “É unha medida coa que pretendemos apoiar todas aquelas acciósn que impulsen a conciliación, tan demandada na sociedade actual”. Tamén para educación se contemplan contías de apoio para material escolar, comedores e transporte escolar.
Os investimentos acadan a cifra de 5.260.000 euros dirixindo o groso das actuacións a seguir mellorando os servizos básicos de saneamento, dotación de auga potable, pavimentacións, eficiencia enerxética, mobilidade ou o reforzo eléctrico para o novo polígono industrial. Destes fondos 2.610.000 virán a través dun préstamo, 794.000€ que achega a Deputación da Coruña, 692.000€ de fondos Next Generation, 629.000€ que achega a Xunta de Galicia e os 282.000€ de fondos propios.
Neste sentido, haberá actuacións en mellora e ampliación da rede de auga potable en: rúa Río Azor (Palmeira), Arribas (Artes), Sirves (Olveira), estrada DP-7304 (Olveira), rúa da Cerca (Aguiño), así como a auditoría da rede de auga potable.
En materia de saneamento actuarase en Lixó (Oleiros), Arribas (Artes) e investiranse 262.000€ a realizar diversas actuacións urxentes na depuradora de Couso.
En materia de pavimentacións actuarase nun camiño e na estrada dos Muíños (Oleiros), rúa Castelao (Aguiño), camiño en Mámoa-Laxes, camiño en Vilar-Vixán (Carreira), rúas Revolta e Fonteseca (Castiñeiras), renovación de servizos e pavimentación rúa Canaval e unha nova senda peonil en Teira (Corrubedo), pavimentación e drenaxe pluviais en Agro de Carolo (Palmeira).
En eficiencia enerxética prevese investir 100.000€ na instalación de paneis solares no conservatorio, oficina de turismo, centro de raqueta e policía local co obxectivo de reducir os gastos enerxéticos.
En materia de mobilidade sustentable destinaranse 648.000€ para crear unha senda ciclista entre Coroso e Palmeira.
En materia industrial, o Orzamento 2024 recolle xa unha importante actuación do novo polígono industrial ao destinar 635.000€ para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que permita satisfacer a demanda de e enerxía que terá o novo polígono industrial, situado no lugar de Pedras Vermellas.
En materia ambiental ademais das tarefas habituais, o Orzamento 2024, tamén contempla destinar 100.000€ á posta en marcha dun programa de compostaxe dirixido ás parroquias e outro de erradicación de especies invasivas.
En materia comercial consígnanse fondos para campañas de apoio ao comercio que se realizan o longo de todo ano e unha partida específica de Nadal que en total supoñen 25.000 euros.
Segundo explicou a concelleira de Facenda “preséntase un Orzamento nivelado no estado de gastos e de ingresos e o que se acompaña de toda a documentación requerida na norma: Informes de Intervención, Secretaría, Memoria da Alcaldía, cadro de persoal, anexo de investimentos, cadro de endebedamento, bases de execución”.
Cúmprese como se pode observar nos informes de Intervención coa regra de gasto, estabilidade e tense previsto alcanzar un nivel de endebedamento do 56%, porcentaxe inferior o límite que nos establece a norma que é do 110%.
Os ingresos que se recollen son suficientes para dar cobertura aos gastos correntes e a amortización anual das distintas operacións de créditos xestionados en pasados anos.
Os principios que serviron de base na elaboración do documento na parte de ingresos son orzamentadas os distintos conceptos de ingreso que contemplan as cuantías que se prevén
recadar. Calculáronse, en base a padróns fiscais dos que obtivemos a información e tamén á vista de como se vai executando o orzamento de ingresos o longo do ano. Tamén se recollen aquelas subvencións confirmadas de otras administracións e compromisos de cofinanciamento de actuacións de investimentos.
En canto os principios reitores polos que se elaborou a previsión das distintas partidas orzamentarias de gasto priorizouse o cumprimento de dar cobertura ao funcionamento dos servizos públicos básicos. Así é o Capítulo II asume a máis importante cuantía económica, sendo o que sostén as obrigas que ten o Concello en relación os contratos de servizos básicos de auga, saneamento, limpeza viaria e tratamento e recollida de lixo, alumeado público, escola infantil municipal, servizo de axuda no fogar, enerxía eléctrica, conservación e mantemento de edificios e infraestructuras municipais ou cemiterios.
No referido o Capítulo I de gastos de persoal, recóllense as previsións para dar cobertura ao coste de salarios e seguridade social do persoal municipal, así como tamén se dotan cuantías a fin de dar cobertura a posible modificación da Relación de Postos de Traballo por reclamacións feitas polo persoal que non foron atendidas no seu día polo goberno anterior.
Tamén se recollen a través do Capítulo II contías importantes para dar cobertura a revisión de prezos que están pendentes de exercicios económicos pechados.
Recollemos tamén no Capítulo IV as achegas á Mancomunidade de Municipios Arousa Barbanza, GAC, DELOA, Eixo Atlántico, FEMP, FEGAMP, etc.
ANÁLISE DA POLÍTICA DE GASTO:
O grupo I: Servizos públicos básicos; é o que soporta a maior porcentaxe de gasto, exactamente o 41,83%. Neste grupos englóbase a Seguridade e a Mobilidade que supón o 10% dos gastos totais do Orzamento. Así pois, contémplase partida para seguir incrementando a Policía Local. Os servizos básicos representan un 27,80% do gasto total, falamos de auga, saneamento, limpeza e recollida de residuos, alumeado público e cemiterios.
O grupo III de produción de bens públicos supón o 20,60% do orzamento de gastos, este grupo engloba: Deporte que representa o 7,36%, Educación o 6,07%, Sanidade o 6,07% ou Cultura o 5,03%.
O grupo IV de actuación de carácter económico supón o 11,55% que contempla: Infraestructuras o 9,06%, Enerxía e industria o 2,06% ou Comercio e Turismo o 1,73%.
ANÁLISE POR CAPÍTULOS DE GASTO:
Na análise por capítulos de gasto o que soporta o maior peso é o Capítulo II de gastos en bens correntes e de servizos supón o 46,75% con 14.778.820,77€.
O seguinte en importancia é o Capítulo I de persoal co 29,62% e o importe de 9.364.527,49€.
En terceiro lugar o importe adicado a investimentos que se recolle no Capítulo VI que supón o 13,51% e un montante de 4.270.104,95€.
En cuarto lugar o importe adicado o Capítulo IX de pasivos financieiros que recolle as cuantías precisar para amortización de débeda que supón o 3,36% de gasto ca cuantía de 1.061.307,81€.
En 5º lugar en peso económico recollemos as transferencias de capital, no Capítulo VII que supón un 3,13% e un total de 988.399,82€.
Logo xa teríamos o Capítulo IV de transferencias correntes que ascende o total de 850.441,34€ e supón o 2,69%.
O Capítulo III que recolle os gastos financeiros supón o 0,80% do orzamento de gastos co importe de 251.994,53€.
ANÁLISE DO ORZAMENTO DE INGRESOS:
O capítulo máis importante é o IV, supón o 38,80%: 12.265.513,42€ sobre todo de transferencias doutras Administracións. O Capítulo III de ingresos de taxas e prezos públicos supón o 21,41%, ascende a 6.768.455,69€. O Capítulo I de impostos directos supón o 20,95% do orzamento de ingresos coa contía de 6.625.000,00€. O Capítulo IX de pasivos financieiros supón o 8,26% con 2.610.338,17€, adicando o financiamento de investimentos, na súa maior parte xa realizados como se comentou arriba. O Capítulo VII de transferencias de capital 2.361.029,74€. No Capítulo II de impostos indirectos recóllese a contía que se prevé ingresar polo concepto do ICIO, sendo o 1,58% do orzamento de ingresos con 500.000€.
No Capítulo V recóllense os ingresos por intereses xerados pola colocación de puntas de tesouraría, ademais de recoller os importes obtidos por alugamento de instalación e terreos. Supón o 1,36% do orzamento con 430.641,95€.
O previsto no Capítulo VI de alleamento de investimentos recolle a previsión de ingresos pola venda de madeira, non é significativo no importe deste proxecto, así como tampouco é salientable o Capítulo VIII de activos financeiros.
CONCLUSIÓN:
O proxecto do orzamento está baseado en previsións realistas e obxectivas no referente a parte de ingresos. E no referente o proxecto de gastos recolle as contías necesarias para afrontar o funcionamento dos servizos ademais de dar cobertura aos incrementos de prezos dos contratos e outras obrigas que proceden de exercicios anteriores que son esixibles para o concello.
Aprobarase o Orzamento 2024 sendo o segundo aprobado no mandato 2023-2027 sendo un fito aprobar dous documentos económicos en tan só 15 meses. Ao mesmo tempo mantense o equilibrio económico sen incrementar a presión fiscal á veciñanza grazas ao bo comportamento dos ingresos e a un esforzo por rendibilizar ben os recursos públicos.