A empresa concesionaria da xestión dos residuos no noso concello está a levar a cabo estes días unha campaña de lavado de contedores, unha práctica habitual ao longo do ano que quedara suspendida nos últimos meses por mor da folga dos traballadores do servizo.
Os operarios da UTE Carballo aproveitan a quenda de noite para realizar o lavado e causar así as menores molestias posibles. Na zona urbana xa están a punto os contedores das rúas Baixa, Muíño, Estrela, Perú, Pontevedra, Ponte da Pedra, Ramón y Cajal, Vázquez de Parga, Alfredo Brañas, Laracha e Muíño da Pintura. Na zona rural xa se fixo o lavado en Aldemunde; nos lugares de Calvelo, Cobas e Freixal, na parroquia de Sofán; na estrada de Baldaio, desde a AC-55 ata As Saíñas; na da igrexa de Bértoa ata O Añón e na xeral ata o límite coa Laracha, así coma no lugar de Mirón e na avenida dos Abetos, e na parroquia de Oza nos lugares de Oza Vella, Serantes e O Rodo.
Os traballos continuarán ata completar os máis de 1.000 contedores que temos distribuídos polo territorio municipal. En canto a situación se regularice, tamén deberán retomarse os lavados periódicos previstos no contrato. De todos os xeitos, no caso de que apareza unha necesidade puntual, calquera persoa pode poñerse en contacto coa empresa a través do número de teléfono 981 754 917 ou do enderezo electrónico info@carballolimpo.com.