Friday 22 de November de 2024

Neda ultima a aprobación dun protocolo municipal de coordinación institucional fronte á violencia de xénero


Tras a incorporación ao Sistema VioGén e a constitución da Mesa de violencia, o Concello de Neda traballa para dotarse dun protocolo municipal de coordinación interinstitucional fronte á violencia de xénero. Esta ferramenta estará destinada a optimizar a detección de casos de malos tratos e a mellorar a atención que reciben as mulleres vítimas e aos seus fillos e fillas, evitando duplicidades que xeren unha revitimización.

A Casa do Concello acollía esta maña a reunión preparatoria do documento, que estivo presidida pola concelleira de Igualdade e o edil de Seguridade Cidadá, Ángeles Puentes y Ángel García Cordero, e contou coa participación, entre outros, de representantes da Garda Civil, Policía Local, centro de saúde de Neda, e centros educativos públicos.

Segundo se extrae do borrador presentado para o seu estudo, trátase de establecer relacións pautadas de coordinación, comunicación e derivación, que faciliten tanto a detección como a intervención e o seguimento dos casos de violencia de xénero que poidan xurdir na localidade.

O protocolo municipal márcase o obxectivo de facilitar unha atención integral e interdisciplinar, axeitada ás necesidade das vítimas e das súas familias. O documento, que terán que subscribir axentes e institucións implicadas, incide na necesidade de dar unha resposta profesional coordinada e rápida por parte dos profesionais, de garantir unha protección eficaz, e facilitando o acceso aos diferentes recursos e servizos. E todo, evitando a duplicidade de accións.