Saturday 16 de November de 2024

Rosa Quintana propón melloras no regulamento europeo de control da pesca máis acaídas á operatividade da frota galega


Expúxolle a Isabelle Thomas varias demandas para dar resposta nesta normativa a cuestións coma o preaviso de descarga ou o transporte por estrada cara ao punto de venda

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, reuniuse en Vigo coa eurodeputada socialista francesa e membro da Comisión de Pesca da Unión Europea, Isabelle Thomas, para abordar diferentes cuestións relacionadas co regulamento de control da pesca. Durante a xuntanza, a titular de Mar expuxo á eurodeputada bretona, encargada do informe da Cámara europea sobre o regulamento de control, as peculiaridades da pesca en Galicia e do seu sistema de inspección pesqueira e trazabilidade dos produtos da pesca e defendeu a adecuación á actividade da frota galega do regulamento europeo de control da pesca.

A conselleira transmitiu á eurodeputada a disconformidade da frota co regulamento de control en relación á súa operatividade diaria. Rosa Quintana expúxolle a demanda de que esta normativa debe dar solución á situación do preaviso de descarga en porto, que, no caso de Galicia, segue a ser moi amplo, xa que en moitos casos é superior ao tempo de navegación desde o caladoiro. Ademais trasladoulle a necesidade de contemplar medidas de flexibilidade para mellorar a operatividade da frota como a posibilidade de pesar en destino a mercadoría descargada cando se realiza o seu transporte por estrada para a súa venda.

Outra das cuestións que trasladou Rosa Quintana a Isabelle Thomas é a necesidade de mellorar a operatividade dos medios de control da pesca coa elaboración dun plan estatal que permita establecer unha mellor coordinación, establecendo unha distribución da frecuencia e duración das inspeccións nos barcos que non interfira na súa actividade e que sexa acorde con ela, evitando duplicidades de inspeccións no mesmo día ou repeticións das mesmas nun corto período de tempo.

Ademais a conselleira do Mar explicou á eurodeputada o funcionamento do sistema de inspección pesqueira de Galicia, que puido coñecer de primeira man no hangar do helicóptero “Pesca 1” do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia, no que tamén estivo presente o responsable deste servizo, Lino Sexto. Neste senso, a representante bretona coñeceu a amplitude do labor inspector deste servizo, tanto no número de actuacións como de actividades controladas. Durante o encontro a eurodeputada tamén coñeceu a integración das tarefas que abarca este servizo, de loita contra a contaminación, salvamento marítimo e inspección pesqueira, feito que valorou moi positivamente.

A maiores, a conselleira deulle conta dos datos de descargas de peixe e marisco que se realizan anualmente nas lonxas galegas e explicoulle o sistema de trazabilidade dos produtos pesqueiros que se desenvolve en Galicia e o que se realiza nas lonxas a través dos caixeiros TICPESC -terminais que permiten obter os documentos relacionados coa actividade diaria da pesca, da acuicultura e da primeira venda-.