Friday 18 de October de 2024

Manuel Lorenzo López e Isabel Caeiro Mariño gañan a 41 Carreira Pedestre da Amaía (Brión), na que participaron 202 atletas


A choiva reduciu á metade a participación nesta edición, de 404 inscritos a 202 persoas participantes

O marinense Manuel Lorenzo López (Club Deportivo Pinarium) e a compostelá Isabel Caeiro Mariño (Sociedade Gimnástica de Pontevedra) gañaron a XLI Carreira Pedestre da Amaía, disputada este sábado en Brión. A diferencia da edición anterior, o tempo non acompañou e influíu moito na proba, ata o punto de reducir a participación exactamente á metade: dos 404 atletas inscritos só tomaron a saída un total de 202, 130 na proba absoluta.

A choiva mesmo condicionou o desenvolvemento da proba, que unha das máis lentas dos últimos anos. O gañador, Manuel Lorenzo López, entrou en meta cun tempo de 32 minutos e 25 segundos, un minuto máis co vencedor de 2023 e medio minuto máis co seu propio tempo do ano pasado, que lle valera a terceira praza. Lorenzo López sacoulle 20 segundos ao segundo clasificado, Lucas Riola Delgado (Club Natación Cedeira Muebles García) e 33 segundos ao terceiro, Amadeo Abal Chaves (Amadeo Abal Nutrición Deportiva).

Na categoría feminina, continúa a “maldición” desta proba: ningunha atleta repite título de forma consecutiva. Neste caso, Sandra Mosquera Losada nin sequera chegou a tomar a saída, pese a estar inscrita. O seu lugar no alto do podio foi ocupado por Isabel Caeiro Mariño, cun tempo de 37 minutos e 52 segundos, minuto e medio máis co tampo da gañadora en 2023 e que lle permitiron entrar no posto 24 de clasificación xeral. O segundo posto foi para Leticia Barrosa Fernández (Club Atletismo Feminino Celta), cun tempo de 39 minutos e 59 segundos, mentres que o terceiro posto foi para Noelia Papín Estévez (Dawako) con 44 minutos e 1 segundos.

Dominio dos equipos de Santiago

Os equipos composteláns coparon a clasificación por equipos. O primeiro posto foi para o Club Triatlón Compostela, seguido polo Club Atletismo Sar e a Sociedade Deportiva Compostela de Atletismo. Os premios para os mellores atletas locais foron para Félix Quintela Pais e David Alejandro Pérez Baña (do Club Atletismo Brión – Hyupersa Santiago) e Christian Lapido González, na categoría masculina (nos postos 38, 44 e 51 da proba xeral); e María José Bragaña Míguens (Club de Atletismo Outes) e Marta García Reino, nos postos 101 e 109 da clasificación xeral.

Os premios aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas, foron entregados polo concelleiro de Deportes, Carlos Noya, quen estivo acompañado das concelleiras Sandy Cebral, Rosa Romero e Guarina Rey, sí como polo concelleiro José Antonio Vidal. Uns trofeos deseñados polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.

Deja un comentario