• O Concello organiza as súas xornadas xa consolidadas con charlas, unha saída ao campo e unha degustación.
En Abegondo, o inicio do outono estará marcado por unha completa programación ao redor dun dos produtos estrela da tempada: os cogomelos. O Concello organiza as súas consolidadas xornadas micolóxicas ofrecendo sesións teóricas, unha saída ao campo e unha degustación deste produto.
O programa celebrarase entre o 17 e o 19 de outubro. Tanto o xoves, 17 de outubro, como o venres, día 18, realizaranse charlas na Casa do Concello (de 18.30 a 20.30 horas). Ao longo das mesmas, as persoas participantes aprenderán a identificar as especies de cogomelos máis abundantes de Galicia e descubrirán, ademais, cales son as variedades tóxicas e non comestibles.
O calendario de proposta continuará ao día seguinte, sábado 19 de outubro, cunha saída ao monte para colleitar cogomelos (9.30 horas). A continuación, levará a cabo unha degustación nun restaurante da zona. As persoas rexistradas nesta proposta poderán degustar tanto os cogomelos como outra das elaboracións típicas do outono, o cocido.
As inscricións poden realizarse chamando ao teléfono 618 740 561. A cota de asistencia é de 25 euros.