O Concello adiantou o pasado verán a Augas de Galicia o traballo de campo efectuado co diagnóstico real do comportamento dos dous ríos
Neda dispón por fin dun diagnóstico real do comportamento dos ríos Belelle e Basteiro con propostas específicas de xestión do risco de inundación. O goberno local presentaba esta mañá aos portavoces da oposición e aos representantes da Asociación de afectados pola riada o informe resultante do estudo realizado, que incluíu meses de traballo de campo e de levantamentos topográficos… A memoria corrixe, en boa medida, a presentada pouco antes das eleccións autonómicas por Augas de Galicia, e pon sobre a mesa solucións alternativas.
O informe final do traballo contratado polo Concello, que partiu do estudo elaborado pola entidade pública dependente da Xunta, coincide con aquel en que o fundamental é regular o reparto de caudais entre os dous cauces, nunha proporción acorde coa súa capacidade topográfica (80% Belelle- 20% Basteiro). E acredita ademais que nos episodios de augas altas, se invirte a lóxica topográfica, como consecuencia da orixe “artificial” do Basteiro, cuxo caudal é froito do conglomerado de canais, azudes, aliviadoiros e muíños que hai entre Ponte Pename e Santa María e, en episodios de avenidas, tamén do desbordamento do río Belelle.
O documento de conclusións, que debullaba esta mañá o responsable de Estudio técnico e consultoría de Ingeniería Integrados, detecta no estudio do ente autonómico “diferencias coa realidade, que se consideran de vital importancia para aproximar a simulación hidráulica da conca a un comportamento máis real”. E afirma, polo tanto, que “non reproduce exactamente a realidade, e podería haber actuacións máis prioritarias”.
Así, o informe municipal relega a “falta de capacidade” da ponte municipal de Pename –en cuxa ampliación pon o foco Augas de Galicia- e tamén a da AC-115. No caso da primeira é contundente: “prodúcese gran afección ás vivendas augas abaixo moito antes de que se manifesten os problemas de desbordamento na Ponte Pename, por tódolos puntos de aporte intermedios entre o Belelle e o Basteiro”. E vai máis aló subliñando que a actual configuración desa ponte “retrasa” a maior entrada de auga na conca do Basteiro.
Entre as propostas para xestionar os riscos de inundación, o Concello defende a construción, na franxa de dominio público hidráulico dunha mota, un dique lonxitudinal ancho que eleve uns 90 cm o borde do río ao longo da canle que alimenta os muíños do Carballo e de Moncho, e entre estes muíños e o Belelle. “Esta sobreelevación podería mesmo constituír unha senda que permita a correcta inspección e mantemento do cauce”.
Como segundo punto inclúe a eliminación dos azudes existentes (presas), favorecendo así a eliminación de retencións no Belelle, e as derivaciones hacia o Basteiro. E, no mesmo nivel, sitúa a implantación dun sistema, telecomandado dende o encoro, para pechar, no caso de crecidas, as comportas de canais de todos os muíños existentes e coordinar os alivios de auga embalsada. Estas medidas centrais poderían complementarse con outras secundarias, destinadas a mellorar a capacidade do Belelle. E só despois, tería sentido actuar na capacidade da ponte da AC-115 e na de Ponte Pename.
O Concello de Neda defende a necesidade de actuar conforme a este diagnóstico real, advertindo que “é posible que non se atope unha solución 100% efectiva, xa que a marea, non é controlable, pero haberá que traballar na idea de retrasar os efectos e os acontecementos críticos o máximo posible”.
O goberno municipal tende, unha vez máis, a man a Augas de Galicia- entidade pública responsable da administración hidráulica – para tentar que episodios como o vivido o 14 de novembro do 2023 non se repitan en Neda. De feito, a administración local avanzou o pasado verán aos técnicos do organismo o modelo sobre o que fixo as súas simulacións. O Concello presentará o informe este xoves, ás 19 horas, na Casa das Palmeiras, ao conxunto da cidadanía interesada.