Friday 22 de November de 2024

Nava Castro presenta a Ruta da Lamprea aos dezaseis concellos implicados neste novo produto turístico galego


A directora de Turismo de Galicia destacou a potencialidade deste recurso turísti-co, ao que se vencellan territorios bañados polos ríos Miño, Ulla e Tambre, polo seu poder desestacionalizador e por constituír un produto clave na diversificación da oferta do turismo de interior

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto aos directores de Competitividade, José LuisMaestro, e Promoción, Carmen Pita, do depar-tamento que dirixe, reuníronse cos alcaldes e responsables municipais dos dezaseis municipios galegos implicados na Ruta da Lamprea, ao obxecto de presentarlles este novo produto turístico que comprende territorios situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre e que porá en valor turístico os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos arredor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.

Segundo explicou Nava Castro, con esta ruta darase a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, “desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as es-tacadas, ata os lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas”, entre outros elementos que a compoñen.

A directora de Turismo de Galicia considerou que, no seu conxunto, a Ruta da Lamprea constitúe un importante produto turístico que virá a ampliar, non só a oferta turística destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir dun recurso endóxeno como é este peixe tan característico do curso baixo destes ríos.

Nava Castro explicou que esta nova ruta conta cun gran potencial turístico, xa que como produto turístico xira arredor dos recursos naturais e gastronómicos do territorio, “precisa-mente as dúas principais motivacións que ten o viaxeiro para visitar Galicia”.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou o poder desnacionalizado deste novo produto e a súa importancia na diversificación da oferta do turismo de interior.

Recursos turísticos
Nesta xuntanza, a directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polo principais recursos turísticos que conforman a ruta nos tres ríos, e puido escoitar as suxestións dos distintos responsables municipais que acudiron á xuntanza celebrada na sede de Turismo de Galicia.

Nava Castro tamén anunciou na reunión que Turismo de Galicia editará un folleto para pro-mover este produto entre os operadores turísticos e o público xeral, así como outro material de promoción na contorna da internet.

Canto á súa territorialidade, a Ruta da lamprea implica aos concellos de Brión, Outes e Noia, no Río Tambre; Padrón, Pontecesures, Valga, Catoira, Teo e A Estrada; no Ulla; e A Guarda, Tui, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente, no río Miño.

O novo produto turístico inclúe tamén once itinerarios, dos que un está no ríoTambre, tres no río Ulla, mentres que o río Miño conta con sete.

Ademais, nestes itinerarios están representados 47 recursos vencellados ao río e á pesca como pesqueiras, rodeiros, casetas de pescadores, postos apra pescar ou edificacións per-tencentes a unha central hidroélectrica reconvertidos para novos usos.

Tamén se poden atopar na ruta praias e paseos fluviais, sendeiros, miradoiros, áreas recreativas, unha carballeira e un esteiro e un parque natural.

Polo que respecta aos recursos naturais e patrimoniais, a Ruta da Lamprea inclúe castros, pontes, capelas, edificacións defensivas, conventos ou museos e centros etnográficos.

Nesta ruta, o visitante tamén poderá atopar 56 restaurantes nos que degustar lamprea en distintas épocas do ano.