Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oleiros organiza unha ruta polo río Gafos e paseo pola vila de Pontevedra o vindeiro 19 de outubro


O Concello de Oleiros organiza unha ruta polo río gafos e paseo pola vila de Pontevedra enmarcada no programa Andares por Galicia, a cultura da natureza para o próximo sábado 19 de outubro.

 

O vindeiro sábado 19 de outubro terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros, coa Ruta polo Río Gafos e paseo pola vila de Pontevedra.

 

As persoas participantes visitarán puntos de interese como o sendeiro fluvial dos Gafos, muíños de Cabanas e do Toxal, pontes de Valentín, Condesa, Rebón, Leira, Ansuíña; Brañas, Zona de interese botánico, soutos e bosques de ribeira da ruta, centro histórico de Pontevedra, prazas da Ferreiría, Teucro, praza da Leña, praza da Verdura, Basílica de Santa María, Santuario da Peregrina, Igrexa de San Francisco, Ruínas de Santo Domingo, Xardíns de Vicenti, Colón e C Sampredo, ponte do Burgo sobre o Lérez para rematar cunha visita cultural ao Museo Provincial de Pontevedra.

 

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

 

A saída do 19 de outubro contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23,00 euros.

 

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 8 de outubro ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por rigorosa orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros. Formulario prescrición: https://www.oleiros.org/es/actividades-culturales/-/asset_publisher/HSJ5LJ3LSSU6/content/id/1357100

 

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.