A mostra abrirá o martes 15 na galería da casa consistorial
A área municipal de Igualdade vai celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais -o 15 de outubro- coa estrea dun novo capítulo das conversas en vídeo “Falando sen cancelas” e coa apertura da exposición fotográfica “Historias das nosas: arando na memoria”, composta polas imaxes sobre o paso do tempo que se aprenderon a facer no obradoiro de Tempos para compartir ofrecido hai unhas semanas por Kevin Lorenzo. Para esta última mostra van recollidas preto dunha vintena de fotos, que aínda se poden enviar ata este martes ao correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.
A intención de Igualdade é que todas as imaxes da exposición reflictan o paso do tempo e tamén o papel fundamental das mulleres como sostedoras do rural. Ademais tamén se pretende que teñan un xeito inspirado na idea de Carla Vázquez (@chuchameles en redes sociais) de quitar unha foto da súa propia man suxeitando unha foto vella sobre o lugar orixinal onde se tomou, facendo que os ángulos cadren para integrar a imaxe antiga dentro da escena do presente.
O actor e dinamizador cultural Kevin Lorenzo explicou hai unhas semanas en Tempos para compartir como facer estas “fotos de fotos superpostas na realidade”, para as que só que só se precisa unha cámara ou un móbil (se teñen boa resolución, mellor). É recomendable que a foto sexa o máis antiga posible para que se vexa mellor o contraste entre o de antes e o de agora. Con todo, se non se dispón dunha demasiado vella valerá con sacar a foto doutra escena menos antiga que permita apreciar igualmente o paso do tempo.
A imaxe (ou imaxes) ten que enviarse ao correo oriana.lopez@sansadurnino.gal e debe ir acompañada dun título e unha breve descrición do lugar onde se tomou a foto -o sitio, quen aparece, algunha alusión ao significado que ten a escena, etc.- xunto co nome e contacto da persoa que a manda.
Iso si, cómpre bulir porque o último día para presentar as fotos é este martes 8 de outubro, coa finalidade de que dea tempo a imprimilas e a montar a exposición “Historias das nosas: arando na memoria” que abrirá ao público na recén reestreada galería do Concello o próximo martes 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais.
Ese día á tardiña tamén se publicará un novo capítulo do vídeo-podcast “Falando sen cancelas”, no que a axente de Igualdade, Oriana López, parolará coa gandeira Fina López, coa cofundadora de Maruxas de Nata Sandra Suárez e coa veterinaria e influente en internet Carla Vázquez.