O texto, xa dispoñible na web municipal, poderá consultarse integramente ate o vindeiro 28 de outubro
O Concello da Coruña publicou o convenio asinado entre a alcaldesa, Inés Rey, e a Comunidade de Propietarios do Polígono de Pocomaco polo que o viario, instalacións e servizos do polígono pasa a ser de titularidade municipal. O acordo, promovido polo Goberno de Inés Rey, permite regularizar a situación do polígono máis de medio século despois da súa construción.
Deste xeito, a Comunidade de Propietarios cede os espazos viarios, zonas verdes e espazos comúns do polígono ao Concello o que suporá, na práctica, que a administración local asumirá o mantemento e mellora destes espazos do polígono e, a futuro, poderá executar investimentos públicos que axuden a modernizar Pocomaco, tanto en termos de infraestruturas como no referente á mobilidade e o transporte.
De acordo co regulamento, a cidadanía dispón do prazo dun mes para a súa consulta e posible presentación de alegacións, tanto ao convenio de execución urbanística como a addenda ao convenio asinados o pasado 23 de setembro.
O texto íntegro está dispoñible na web municipal, no taboleiro de anuncios e edictos do Concello, na seguinte ligazón: https://sede.coruna.gal. Así mesmo, durante o período de información pública o expediente poderá ser consultado nas dependencias do Departamento de Xestión do Solo – Urbanismo, sitas na praza de Indalecio Prieto desta cidade, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O período de alegacións e consulta remata o vindeiro 28 de outubro.