A veciñanza da Pobra do Caramiñal aprende xa a darlle diferentes formas e utilidades á madeira dentro do programa formativo Feito coas túas mans que promove a Concellaría da Participación Veciñal.
SonAgasallo imparte durante todo o mes de outubro este curso no local de Santo Isidro. Xa no mes de novembro será a quenda de crear xabóns grazas a Flow de Meiga, na Angustia.
O conxunto de talleres busca dinamiza-los centros socioculturais da localidade ao mesmo tempo que ofrece alternativas de lecer fóra da época estival, xera comunidade, potencia a creatividade das persoas asistentes e pon en valor o oficio artesanal. Esta serie de accións artesanais de balde xa se iniciaron nos pasados meses con cestaría a cargo de La Parabólica, no Campiño, e de Capixuta, na Ribeiriña; macramé con Noites de Datura, no Camiño Ancho; e cerámica con Raposiñas, no muíño da Ponte Barbanza.
As prazas xa están cubertas totalmente dende a presentación do programa no mes de abril.