Monday 25 de November de 2024

O Concello de Paderne adquire unha nova remesa de axudas técnicas para préstamo de balde ás familias con persoas dependentes


▪ O goberno local investiu case 41.000 euros en con sete novas camas articuladas con carro elevador, sete colchóns viscoelásticos, cinco colchóns antiescaras e cinco cadeiras de ducha

▪ Informará a través das súas canles de comunicación unha vez conte co novo material, que poderá ser solicitado nos servizos sociais comunitarios

O Concello de Paderne vén de adquirir unha nova remesa de material para axudas técnicas, que prestará de balde ás familias do municipio con persoas dependentes. O equipo dirixido por Sergio Platas, a través da Concellería de Servizos Sociais responsabilidade de Marisa Abrodos, investiu case 41.000 na compra de sete novas camas articuladas con carro elevador, sete colchóns viscoelásticos, cinco colchóns antiescaras e cinco cadeiras de ducha.
Unha vez o pedido deste material estea nas dependencias municipais, o Concello informará a través de todas as súas canles de comunicación para que as familias con persoas ao cargo que precisen destas ferramentas técnicas para mellorar a súa vida e facilitar o seu coidado poidan solicitar o seu aluguer nas dependencias do Concello sen custo algún. Para garantir a autonomía persoal e a adaptación funcional do fogar o antes posible, o prazo de entrega do material é dun día.
Os 40.933 euros que, de xeito exacto, inviste o Concello de Paderne para ferramentas técnicas e reforzo do servizo do SAF veñen financiados pola partida do Plan Adicional 2024 da Deputación da Coruña. A proposta do equipo de goberno, o pleno municipal acordou destinar estes recursos deste xeito na sesión plenaria do pasado mes de febreiro. Aquel punto da orde do día contou cos votos a favor dos edís do PSdeG-PSOE, BNG e do concelleiro non adscrito. Mentres, os representantes do PP votaron en contra.
A concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, recalca que o Concello de Paderne destina todas as partidas posibles á política social, xa que se trata “dunha prioridade dentro do xeito de facer política deste goberno”. “Este préstamo gratuíto de acudas técnicas é un servizo tremendamente necesario, xa que ofrecemos material dun custo que non é factible para todas as economías. Unha proba é a alta demanda que estamos a ter non só na solicitude de aluguer destas ferramentas técnicas, senón do resto de iniciativas que poñemos en marcha”, finaliza.