• A entidade municipal completa así a decena de propostas de sendas naturais para facer camiñando desde a cidade e poñer en valor turístico o inmenso patrimonio natural de Compostela.
Desde hoxe está dispoñible un novo material turístico que convida a percorrer o treito municipal de Camiño de Fisterra-Muxía, co que son xa 10 as sendas naturais propostas por Turismo de Santiago.
A escolla desta senda para a súa posta en valor, ten que ver coa súa accesibilidade, conectividade e valor paisaxístico e cultural, ademais da súa escasa dificultade e de contar coa sinalización propia dos Camiños de Santiago, polo que permite tamén achegarse ao fenómeno da peregrinación e dos Camiños.
Trátase dunha ruta lineal de algo menos de 9 km desde o seu comezo na praza do Obradoiro ata o Alto do Vento, no linde co concello de Ames, desde onde é sinxelo enlazar co transporte público para volver á cidade.
O proxecto “Sendas naturais de Santiago” ten un dobre obxectivo: por unha banda enriquecer o abano de atractivos turísticos composteláns que permitan satisfacer a novos segmentos do mercado; por outra banda, ser unha ferramenta para ofrecer alternativas que permitan descentralizar os fluxos turísticos que se concentran na Catedral e os seus arredores. Redunda polo tanto nun modelo turístico que procura a sustentabilidade.
Así, “Sendas de Santiago” busca por en valor para o turismo os inmensos recursos naturais cos que conta o concello, facilitando información turística en idiomas dun catálogo de sendas naturais concibidas para acceder camiñando desde a cidade, de curta e media duración e pouca ou ningunha dificultade, que se poidan realizar nun par de horas ou medio día como máximo e orientadas tanto a familias, como a persoas con mobilidade reducida, cicloturistas ou sendeiristas máis avezados.
As oito sendas iniciais, foron ampliadas a nove a finais do ano 2023 coa inclusión da senda 09. Río Sar Arriba: O berce do Sar. Así, o catálogo completo das dez sendas, que se prevé seguir ampliando, son: 01. Río Sarela Arriba; 02. Río Sarela Abaixo; 03. Finca do Espiño, Selva Negra e Granxa do Xesto; 04. Monte Pedroso; 05. Río Sar, Muiño de Parceiros; 06. Río Sar, Bosque do Banquete de Conxo; 07. Bosque de Galicia, Cidade da Cultura, Parque do Lago; 08. Monte Viso, Senda mitolóxica; 09. Río Sar Arriba: O berce do Sar e 10. Camiño Fisterra-Muxía. Percorrendo estas dez sendas teríase un coñecemento preciso da continuidade que se da entre o centro urbano de Santiago e a natureza en practicamente todas direccións nas que se vaia.
Tanto a nova senda como as restantes están dispoñibles na oficina de información de Turismo de Santiago, e tamén na web da entidade municipal, www.SantiagoTurismo.gal, onde poden descargarse os pdfs dos folletos co plano e os tracks das rutas en distintos formatos. No folleto de cada senda descríbese a ruta que se vai percorrer, a súa distancia e duración estimada así como o seu grao de dificultade, entre outros. Esta acción conta cunha subvención da Deputación da Coruña.