Friday 22 de November de 2024

A décimosexta edición de Poetas Di(n)versos trae poetas en romanés, árabe e catalán chegados dende transilvania á antiga mesopotamia


A nova edición anual comezará o vindeiro luns 7 de outubro ás 20.00 horas no Centro Ágora, con Radu Vancu (de Sibiu) e Xabier Xil Xardón (de Xinzo de Limia)

O ciclo, organizado polo Concello en colaboración coa poeta e Premio Nacional de Poesía 2023 Yolanda Castaño, está consolidado como a única cita estable de España que acolle poetas internacionais mes tras mes

Á volta do verán e por décimo sexto curso consecutivo, a programación poética do Concello da Coruña propón novos recitais poéticos internacionais xunto a voces en galego. A carón de poetas chegados dende a Limia, As Pontes ou Ferrol, chegarán outros e outras dende Transilvania, Iraq ou Cataluña cos seus versos en romanés, árabe e catalán. O ciclo de lecturas públicas, abertas e gratuítas e impulsado polo Goberno de Inés Rey, está coordinado pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía. Foi inaugurado en 2009 converténdose nunha cita de referencia pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria proxectada a través da voz dos seus propios autores e autoras.

Así, o trimestre inaugural e de outono desta décimo sexta edición comezará este próximo luns 7 de outubro, coma sempre no Centro Ágora ás 20.00h. Farao co romanés Radu Vancu e o limiao Xabier Xil Xardón. O galego, Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, leva case dúas décadas intervindo en recitais, volumes colectivos e combinacións de poesía, audiovisual e artes escénicas. Pola súa banda, o prolífico e multipremiado autor nacido en Sibiu (1978) é tamén ensaísta, tradutor, antólogo, profesor universitario, redactor xefe da revista literaria Transilvania e editor de Poesis International.
Á cita de outubro seguiralle o recital da consagrada autora en lingua árabe Duna Ghali e da premiada co Miguel Glez.-Garcés e o Premio Afundación de Poesía, Medos Romero. A iraquí e a pontesa compartirán escenario do Ágora o luns 4 de novembro. Para rematar o ano e os primeiros tres meses de lecturas, o luns 23 de decembro tomarán o relevo o ferrolán Mario Regueira, un dos críticos literarios galegos de maior relevo ademáis de poeta e narrador, e unha das voces máis fulgurantes e prometedoras da nova literatura catalá, Pol Guasch.
Todas a lecturas ofrecerán folletos coleccionables coas bios e poemas das persoas convidadas e emitiranse igualmente por streaming.