● Dedicada ao corvo mariño moñudo, gulosus aristotelis, celebrouse co aforo completo.
● Desde as 9:30 da mañá, persoas expertas que traballan coa especie ou estudando as ameazas que sofren as aves mariñas, ofreceron ao público a visión sobre a vida deste fascinante animal.
● José Antonio Santiso, presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, estivo presente na xornada.
Este sábado, a sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas acolleu con gran éxito de convocatoria a celebración da IX xornada da iniciativa “Especie do ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas”, dedicada ao corvo mariño moñudo, gulosus aristotelis.
Organizada pola Reserva e en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, contou coa participación de expertos como Sergio París, enxeñeiro técnico forestal que traballa no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA; David Álvarez, doutor en Bioloxía da Universidade de Oviedo; Atocha Ramos, bióloga e membro do Grupo Naturalista Hábitat; Paulo Lago, técnico do programa mariño SÉ/BirdLife; María Rosario Brinquis, física e axente ambiental do MITECO e Cosme Damián Romay Cousido, biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat.
Os relatores, que traballan coa especie ou estudan as ameazas que sofren as aves mariñas, ofreceron ao público a visión sobre a vida deste fascinante animal. Tratáronse temas como a distribución, poboación e movementos deste animal en Galicia; a súa mortalidade no Cantábrico; os microplásticos e outros residuos mariños aplicado ao caso deste animal ou as actuacións do MITECO en relación ao corvo mariño moñudo.
José Antonio Santiso, presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, estivo presente na xornada, agradecendo “a todas as persoas implicadas na súa organización e tamén ás que participan, mostrando un interese fundamental nun ámbito tan importante como é a concienciación ambiental e o respecto animal”.