– A iniciativa, retomada pola Consellería do Mar no pasado mes de agosto, estará presente con catro foodtrucks na explanada de Riazor para que todos os afeccionados poidan degustar petiscos gratuítos co mellor produto do mar de Galicia
O cidade herculina enfronta unha xornada o vindeiro domingo cunha gran actividade deportiva marcada pola celebración da final da Supercopa de España de hóckey patines e o encontro de liga entre o RC Deportivo contra o Málaga CF. Ambas citas contarán co mellor sabor do peixe e mariscos galegos da man da Consellería do Mar a través de campaña GALICIA SABE AMAR que desembarcará con catro foodtrucks na explanada de Riazor.
Alí afeccionados e curiosos poderán gozar de diferentes petiscos especialmente deseñados para esta acción de promoción que ten como obxectivo divulgar entre a cidadanía a riqueza gastronómica e o excelente produto vinculado co mar de Galicia. Unha iniciativa que trata de concienciar tamén aos consumidores da importancia de introducir estes alimentos como parte dunha dieta equilibrada polas súas excepcionais propiedades nutricionais.
Así, non só se reivindica o recoñecido sabor e calidade dos alimentos mariños da comunidade senón que tamén a saúde e benestar que proporcionan nun contexto de progresivo descenso da súa presenza na cesta da compra. Por outra banda, tamén se pon en valor o traballo e dedicación dos profesionais do mar, auténticos artífices de que cheguen estes produtos a todos os pratos en unhas óptimas condicións. Unha actividade económica que emprega na nosa comunidade ao redor de 50.000 persoas e que representa preto do 5 % do PIB.