Friday 22 de November de 2024

O Concello apoia a concentración convocada polas ANPAs para reclamar á Xunta o profesorado de apoio recortado


O Concello de Oleiros apoia e anima a toda a cidadanía a participar na concentración convocada polas ANPAs dos colexios Juana de Vega e Rabadeira para denunciar o recorte de profesorado de apoio nas escolas de Nós e Oleiros e reclamar á Xunta que cumpra coa normativa para unha correcta formación dos nenos e nenas con necesidades especiais. A concentración será o vindeiro mércores 9 de outubro as 18:00 horas ante a Casa do Concello.

O Juana de Vega pasou de 404 alumnos o pasado curso a 417 neste 2024/2025. En cambio o profesorado de apoio reduciuse de 5 profesores de apoio a 3. Tamén está pendente a contratación dun profesor para primaria que aínda non se incorporou, o que está a xerar graves interferencias no funcionamento e organización do centro e un forte malestar na comunidade educativa.

No caso do Colexio Rabadeira a situación é similar. Tamén se recortou unha praza de profesorado de Audición e Linguaxe, malia que o alumnado con necesidades especiais aumentou.