Saturday 05 de October de 2024

O Concello de Ponteceso abre o prazo para solicitar subvencións culturais e deportivas para o ano 2024


 Destinaranse 40.000 euros nestas dúas liñas de axudas, que teñen como obxectivo fomentar a participación cidadá e apoiar ao tecido asociativo pontecesán.

O Concello de Ponteceso abriu recentemente as convocatorias de subvencións para o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas durante o ano 2024. Estas axudas teñen como obxectivo principal fomentar a participación cidadá e apoiar o tecido asociativo que dinamiza a vida cultural e deportiva de Ponteceso.

As entidades de natureza cultural poderán optar a unha subvención dentro dun orzamento total de 25.000 euros. Estas axudas están destinadas tanto á realización de actividades culturais como ao mantemento e xestión das asociacións e dos seus locais. O importe das subvencións pode variar segundo a modalidade da entidade, alcanzando ata os 3.500 euros para entidades culturais, 1.500 euros para entidades veciñais e 500 euros para corais, bandas de música e fundacións.
As actividades deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 8 de decembro de 2024, priorizando aquelas que promovan o acceso á cultura entre a veciñanza. Ademais, todos os proxectos subvencionables deberán empregar a lingua galega.
No ámbito deportivo, o Concello de Ponteceso destinará un total de 15.000 euros para apoiar ás entidades deportivas sen ánimo de lucro. O obxectivo destas axudas é promover a práctica deportiva entre a cidadanía e contribuír ao mantemento das asociacións. Poderán optar ás subvencións aquelas entidades rexistradas antes do 1 de agosto de 2024.

As subvencións deportivas oscilarán entre 100 e 1.500 euros para aquelas entidades que organicen ou participen en tres ou máis modalidades deportivas. Para aquelas que se limiten a dúas ou menos modalidades, o importe máximo será de 700 euros. Todas as actividades deberán realizarse entre o 1 de xaneiro e o 8 de decembro de 2024.

As entidades interesadas deberán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica do Concello de Ponteceso. No caso das axudas culturais, o prazo estará aberto ata o 22 de outubro de 2024. Para as subvencións deportivas, o prazo será ata o 23.

Para máis información, as bases completas de ambas convocatorias están dispoñibles na Base de Datos Nacional de Subvencións e no portal do Concello de Ponteceso. Ademais, pódense solicitar máis datos nos departamentos de Cultura e Deportes do Concello ou a través do teléfono 630 907 124.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteceso reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e do deporte local, fomentando a participación activa da cidadanía e o fortalecemento das súas asociacións.

Deja un comentario