Friday 22 de November de 2024

O Concello traballa na substitución da superficie de xogo no parque infantil de Monelos, onde se está a instalar un novo pavimento de caucho


En paralelo, tamén se están a executar obras de mellora na área de xogos infantís de Vioño. En total, o Goberno de Inés Rey destina case 60.000 euros para completar as dúas intervencións

O Concello da Coruña avanza estes días no Plan integral de mellora dos parques infantís, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de adecuar e mellorar os espazos de xogo ao aire libre para as crianzas, atendendo as necesidades específicas destas superficies en cada barrio da cidade.
Neste sentido, a semana pasada comezaron os traballos para substituír a superficie de xogo no parque infantil de Monelos, un espazo situado entre o centro cívico do barrio e as Torres dos Mariñeiros, e que, a día de hoxe, é un dos principais núcleos de ocio e lecer para as familias do distrito e a súa contorna.
Ata agora, a área de xogos contaba cun firme de céspede artificial. A este respecto, e co obxectivo de cumprir cos estándares de seguridade sobre os que se está a traballar nas áreas infantís da cidade, a Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade deulle luz verde días atrás á renovación do firme, que pasará a ser de caucho, un material máis acorde ao tipo de usos do parque, tamén máis resistente á erosión e á exposición ás inclemencias meteorolóxicas.

Esta intervención dá continuidade ao cronograma de intervencións que está a executar o Concello noutros puntos da cidade. Por exemplo, no parque infantil de Vioño, onde se está a renovar o antigo firme de caucho por un totalmente novo.
En total, combinando estas dúas actuacións, o investimento conxunto por parte do Concello da Coruña é de case 60.000 euros.