Thursday 21 de November de 2024

Mercedes Peón protagonizará unha nova edición de AgoraSón de outono o sábado 26 de outubro


O acceso será a través de invitacións que se repartirán nas bibliotecas coa retirada de material en galego a partir do luns 21

A noite do sábado 26 de outubro actuará, dentro do AgoraSón outono, Mercedes Peón, co seu espectáculo ‘Ingrávida’, ás 21.00 horas no auditorio do Centro Ágora. Así, o Concello conmemorará o Día das Bibliotecas, co seu décimo AgoraSón outono. O Goberno de Inés Rey aposta pola música en galego a través de diferentes iniciativas que se levan a cabo ao longo do ano na cidade, como é o caso deste evento.

Logo de 20 anos da estrea do seu primeiro disco, ‘Isué’, Mercedes Peón ofrécenos esta xira de ‘Ingrávida’ percorrendo temas dos seus 5 discos editados en solitario, chea das influencias das recollidas de campo que fixo durante 25 anos polas aldeas, dos traballos cinematográficos ou para danza.
Neste concerto estará acompañada polos grupos de pandeireteiras Raigañas, Xirifeiras, por voces líricas de ConcertoTempo, polo dúo Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut e Ana Fernández, e o apoio audiovisual de Laura Iturralde.

A cabalo do acústico e da electrónica, ‘Ingrávida’ é unha homenaxe á persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo. Neste sentido, este AgoraSón é xa un adianto á celebración das Letras Galegas 2025 que homenaxeará as cantareiras e a poesía popular oral.
Compositora, vocalista e instrumentista galega, Mercedes Peón é considerada como unha das mulleres máis carismáticas da música actual e atesoura múltiples premios entre os que se poden salientar o Premio Nacional á Cultura da Xunta de Galicia ou o de Artista do ano para Folkword.

O acceso a este concerto será, coma sempre, por medio de invitacións que repartirán as bibliotecas municipais coa retirada de material en galego, tanto libros como material audiovisual. Por cada retirada de material terase dereito a dúas invitacións. A repartición destas invitacións comezará o luns 21 de outubro ata esgotárense, no horario de cada centro, pola mañá a partir das 09.00 horas e pola tarde dende as 16.00 horas. Se quedasen entradas sen repartir quedarían a disposición das persoas interesadas o mesmo día da actuación, o 26 de outubro, na conserxaría do Ágora.

O AgoraSón é un dos programas tradicionais de Normalización Lingüística, que xa tivo nos seus carteis a artistas da categoría das Tanxugueiras, Ruxe Ruxe, Luar na Lubre ou Boyanka Kostova.