Friday 22 de November de 2024

A Coruña acolle a presentación da OK Liga como antesala da disputa da Supercopa de España de hockey a patíns


A alcaldesa, Inés Rey, recibiu aos 14 equipos da competición e fixo entrega dun obsequio a César Carballeira polo seu título de campión do mundo

Liceo-Barcelona e Reus-Noia, semifinais deste sábado no Palacio dos Deportes

O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá a presentación oficial da OK Liga masculina, coa presenza dos 14 equipos que participarán na máxima competición nacional de hockey sobre patíns. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto, que se celebra na véspera da disputa no Palacio dos Deportes de Riazor. Trátase da primeira vez que se presenta a OK Liga en Galicia.

Antes do comezo do acto, a alcaldesa fixo entrega a César Carballeira dun obsequio e felicitouno polo seu título de campión do mundo coa Selección Española, título que tamén acadou os coruñeses Ignacio Alabart na categoría absoluta masculina, María Sanjurjo na categoría absoluta feminina e Jacobo Copa na categoría júnior masculina.
“A Coruña é unha cidade que vive o deporte con paixón e é a casa do club deportivo máis laureado de Galicia e todo un referente a nivel nacional, o Hockey Club Liceo”, sinalou a alcaldesa, que agradeceu que se escollera a cidade como lugar onde dar comezo a unha nova tempada. “A OK Liga é unha das competicións máis duras e esixentes do país, pero tamén un torneo que nos deu moitas alegrías aos coruñeses e coruñesas”, apuntou.

No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o presidente da Real Federación Española de Patinaje, Carmelo Paniagua, o presidente do Hockey Club Liceo, Daniel Echevarría. Tamén estiveron representando ao club coruñés o propio César Carballeira, o capitán Dava Torres e o adestrador Juan Copa. O acto foi conducido pola xornalista Leticia Chas.

Inés Rey desexoulle sorte aos catro equipos participantes na Supercopa de España, que tamén por primeira vez terá lugar na Coruña. As semifinais disputaranse este sábado entre Noia e Reus, ás 16.00 horas, e Liceo e Barcelona, ás 18.30 horas, no Palacio dos Deportes de Riazor. A final disputarase o domingo ás 11.30 horas. “Na Coruña estamos comprometidos co hockey e así o amosa o gran número de competicións estatais e internacionais que acollemos nos últimos anos, como a Copa do Rei e da Raíña, a Golden Cup europea ou a WSE Champions League feminina”, dixo a alcaldesa.

Durante a presentación da OK Liga entregáronse os premios aos xogadores e árbitros máis destacados da pasada tempada, que foron os seguintes:
● MVP da tempada: Pau Bargalló.
● Bola de ouro (máximo anotador): Joao Rodrigues.
● Trofeo Carles Trullols (mellor porteiro): Sergi Fernández.
● Mellor quinteto: Sergi Fernández, César Carballeira, Jordi Bargalló, Joao Rodrigues e Pau Bargalló.
● Mellor adestrador: Pere Varias.
● Mellor árbitro: Sergi Mayor.
● Xogador revelación: Nil Cervera.

Xogadores e adestradores presentes no acto
● Hockey Club Liceo: César Carballeira, Dava Torres y Juan Copa
● Barcelona: Sergi Fernández y David Cáceres
● Noia Freixenet: Jordi Bargalló y Carlos Cortijo
● Reus Deportiu: Joan Salvat y Jordi García
● Parlem Calafell: Sergi Folguera y Guillem Cabestany
● CP Voltrega Movento Stern: Èric Vargas y Ferran López
● Igualada Rigat HC: Biel Llanes y Marc Muntaner
● Senergy Renovables Sant Just: Borja López y Edgar Fondos
● CH Caldes Recam Làser: Marcos Blanque y Eduard Candami
● Pons Lleida: Antonio Miguélez y Eduard Amat
● Lleidanet HC Alpicat: Miquel Serret y Sito Expósito
● Digittecnic CPV Capital del VI: Joan Vázquez y Guillem Pérez
● Patí VIC: Oriol Ramírez y Ramón Pardo