O Concello de Neda convoca axudas, en concorrencia competitiva, para colaborar coas familias con recursos económicos máis axustados do municipio nos gastos derivados do transporte do alumnado matriculado no curso 2024-2025 en centros universitarios, ciclos formativos de formación profesional, bacharelato, e outros cursos de formación ocupacional que habiliten para o desempeño dunha profesión ou oficio.
Serán requisitos para solicita esta bolsa, ademais de estar matriculado/a para cursas os estudos sinalados, o empadroamento no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses, estar ao corrente das obrigas tributarias municipais e pertencer a unha familia cunha renda per cápita mensual non superior a 400 euros.
As subvencións repartiranse entre as persoas beneficiarias ata esgotar os 2.000 euros do orzamento da convocatoria e “sen que en ningún caso o importe das axudas poda exceder da cantidade de 600 euros”.
O prazo para solicitar as axudas e presentar a documentación correspondente no rexistro xeral da Casa Consistorial arranca este sábado e concluirá o 24 de outubro.