Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ponteceso inviste máis de 140.000 euros nos accesos ao núcleo de Limiñoa


 A obra contempla mellorar o acceso dende a Ourada, o camiño de acceso á Granxa e a mellora de marxes.

O Concello de Ponteceso acometerá proximamente unha importante actuación para mellorar o acceso a Limiñoa e os seus arredores, cun investimento total de 141.293 euros. Trátase dunha intervención integral que se desenvolverá en tres zonas concretas, co obxectivo de mellorar a capa de rodaxe e reforzar a seguridade viaria, ademais de optimizar o sistema de drenaxe e renovar a sinalización no acceso a este núcleo dende Ourada.

Segundo explicou o alcalde, José Manuel Mato, “esta obra supón subsanar unha débeda histórica con Limiñoa, que leva demasiado tempo sen recibir investimentos municipais. A intervención non só mellorará a calidade das infraestruturas viarias, senón tamén a seguridade para veciños e usuarios”.
A actuación estrutúrase en tres ámbitos diferenciados: mellora do acceso a Limiñoa dende Ourada, actuacións no camiño dende Limiñoa de acceso á granxa e a mellora das marxes.
A primeira actuación comprende unha mellora da capa de rodaxe nun viario de 1,7 quilómetros de lonxitude e 5 metros de ancho, ademais doutro treito de 125 metros de longo e 4,25 metros de ancho. Realizarase un bacheo previo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo para, a continuación, aplicar unha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente. Tamén se renovarán 150 metros cadrados de abanicos.

En canto á seguridade viaria, está previsto o reforzo mediante a execución de 270 metros de cuneta de seguridade. Así mesmo, acometerase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para garantir un correcto drenaxe. Finalmente, realizarase a sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo, símbolos viarios, e a colocación dun sinal de stop.

A segunda das fases contempla mellorar a capa de rodaxe dun viario de 230 metros de lonxitude e 4,25 metros de ancho, aplicando o mesmo tratamento de bacheo con grava e aglomerado en quente de 5 centímetros, sobre unha base previamente tratada con asfalto semiprofundo. Tamén se renovará a sinalización horizontal completarase co pintado das liñas de bordo.
Finalmente, o terceiro ámbito de actuación céntrase na mellora da marxe dun viario nun treito de 75 metros de lonxitude

O alcalde, José Manuel Mato, subliñou que este proxecto forma parte dun compromiso firme do goberno local coa mellora das infraestruturas e a calidade de vida dos veciños de todas as parroquias do municipio. “As necesidades de Limiñoa foron desatendidas durante demasiado tempo, e agora poñemos remedio cun investimento que mellorará non só as estradas, senón tamén a seguridade e o día a día dos seus habitantes”, afirmou o rexedor.

Os traballos, que darán comezo proximamente, executaranse nun prazo que permitirá minimizar as molestias á veciñanza, garantindo un resultado final óptimo que se axuste ás esixencias de durabilidade e seguridade.