Saturday 05 de October de 2024

O vindeiro luns 7 de outubro empezan os traballos de dragaxe en dúas zonas do porto de Cariño


• O proxecto consistirá na extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area.

• A operación conta coa colaboración da Consellería do Mar e de Portos de Galicia.

O vindeiro luns 7 de outubro darán comezo os traballos de dragaxe en dúas zonas do porto de Cariño, unha operación moi esperada no municipio e que conta coa colaboración da Consellería do Mar e de Portos de Galicia.

O proxecto de dragaxe consistirá na extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area na zona da rampla e na zona dos peiraos de atracada comercial interiores, unha actuación moi demandada polos veciños e veciñas que contan con embarcacións no peirao e coa que poderán acceder a elas dunha maneira máis sinxela.

Esta intervención, á que se comprometeu a Consellería do Mar hai uns meses, conta cun orzamento basee de 677.000 euros. Trátase da última das obras planeadas na zona portuaria de Cariño, logo das diferentes actuacións que se realizaron na zona durante os últimos meses, incluíndo unha limpeza do propio porto derivada do atraso técnico no proceso da licitación da dragaxe.

A alcaldesa do municipio, Ana María López, destacou “a importancia deste proxecto para o noso concello polo gran impulso que supón para o porto, que a partir de agora será unha zona máis accesible para todos”. A rexedora tamén quixo agradecer “a ambiciosa aposta da Xunta de Galicia pola nosa localidade motivada polo diálogo continuo do equipo de goberno coas institucións, que conseguiu atraer investimento doutras administracións a Cariño”.

Deja un comentario