O Consistorio abriu este xoves o período de matrícula, despois de confirmar a formación de grupos en cinco disciplinas
As actividades municipais compleméntanse coa dos colectivos veciñais, entre eles o grupo de Cantos de taberna ou a Asociación Cultural Brío e a súa oferta de inglés, debuxo, baile e, como novidade, tamén teatro
Ao longo desta semana están botando a andar a maior parte das escolas culturais municipais e os grupos de ximnasia de mantemento que, no seu conxunto, suman un total de 110 preinscricións. Un número que aínda podería incrementarse ao longo deste trimestre con máis incorporacións. Agora, unha vez confirmados os grupos en cada disciplina, as persoas anotadas deben formalizar a matrícula cubrindo os formularios e pagando a taxa correspondente, algo que se pode facer presencialmente no Concello ou a través da Sede Electrónica. Ademais da oferta municipal tamén hai que mencionar o grupo de Cantos de taberna, que segue coa música aquí e acolá xa de maneira autónoma, e os obradoiros preparados pola Asociación Cultural Brío, pensados na súa maioría para a rapazada e a mocidade, que tamén están empezando estes días con sesións de proba gratuítas.
Os horarios das actividades municipais quedan, salvo cambios que decidan os grupos, coma o ano pasado. Ximnasia, que conta con 40 persoas apuntadas, será os luns de 16:00 a 17:00h en Naraío e de 17:15 a 18:15h en Lamas, os martes en Igrexafeita e San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Igrexafeita e SanSadurniño e os venres en Santa Mariña e Lamas.
Gaita, que reuniu 10 participantes -9 á gaita e un percusionista- está posta para os martes ás 20:30h e a E.M. de Pandeireta, con 9 preinscricións, toca os mércores, con clases de iniciación ás 18:30h e perfeccionamento a partir das 19:30h.
Baile tradicional ten lugar na Casa da Cultura os xoves en horario de 20:00 a 21:00h. Nesta disciplina que non deixou de medrar desde os seus comezos, hai unha vintena de beiladoras e beiladores con praza reservada.
Por último, os e as instrumentistas de Música moderna, que empezou como actividade á marxe das escolas municipais e agora forma parte delas, reuniranse os mércores na Casa da Xuventude. Esta escola, que conta con 31 persoas preinscritas, está pendente de celebrar -previsiblemente xa a semana que vén- unha xuntanza co alumnado e o profesorado, co obxectivo de establecer os horarios dos grupos e tamén a cota mensual que haberá que aboar este ano. Por este motivo, desde Cultura indícase que as persoas anotadas deberán agardar a que se definan estes aspectos antes de presentar a solicitude formal e efectuar o pagamento.
Durante as últimas semanas recolléronse, polo tanto, un total de 110 solicitudes para as cinco escolas ofertadas. Solicitudes que agora, unha vez confirmados os grupos mínimos para que vaian adiante, deben confirmarse tramitando xa a folla de inscrición formal e o pagamento da matrícula (agás Música moderna).
Os prezos de gaita, pandeireta, baile tradicional e ximnasia de mantemento son os seguintes, segundo a ordenanza: 18,01€ de matrícula e 35,76€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65, mentres que as menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove teñen un prezo reducido de 17,22 euros pola matrícula e de 23,85 cada trimestre.
As follas de matrícula poden presentarse no rexistro do Concello ou ben a través da Sede Electrónica. No momento tamén haberá que pagar a matrícula e o primeiro trimestre, algo que se poderá facer domiciliando os recibos, pagando no banco (débese achegar o resgardo do ingreso/transferencia) ou pagando con tarxeta no mostrador do Concello. O formulario de matrícula e a folla de autoliquidación poden descargarse nas ligazóns que hai algo máis abaixo.
A AC Brío tamén pon en marcha unha chea de actividades
Ademais das escolas municipais tamén cómpre falar da ampla oferta preparada para o curso 24/25 pola Asociación Cultural Brío, dirixida principalmente á rapazada e a mocidade.
Os luns ofertan patinaxe entre as 17:30 e as 19:00h, con clases abertas desde o 7 até o 14 de outubro. Os martes ofertan inglés para rapazada e persoas adultas, tamén con clases abertas o 1 e o 8 de outubro.
Os xoves de outubro ofertan a actividade Historias en escena, orientada á cativería e a mocidade de entre 3 e 18 anos. Traballarase a expresión oral e corporal, ademais da improvisación, con axuda do actor Kevin Lorenzo. Ao remate da deste minicurso teatral representarase unha obra con todo o aprendido.
Os venres será día de bailar desde primeiras horas da tarde ata ben entrada a noite: baile moderno de 16:30 a 18:00h (clases abertas o 4 e 11 de outubro), hip-hop de 19:00 a 20:30h e bailes latinos de 21:00h a 22:30h, aínda que estas dúas últimas propostas están pendentes de formar grupo e de profesorado.
Por último, os sábados pola mañá, de 11:30 a 13:00h, hai clase de debuxo que xa está completa, pero que segue anotando en lista de agarda por se houbese algunha baixa.
Para apuntarse ou solicitar máis información hai que contactar coa entidade no correo briodanza09@gmail.com, falar con calquera persoa da directiva ou mandarlles unha mensaxe á súa páxina en Facebook.
Queres probar en Cantos de taberna?
É obrigado mencionar tamén a intensa actividade do grupo de Cantos de taberna, que segue botándolle pezas aquí e acolá de maneira autónoma e coas portas abertas para a incorporación de novas e novos membros.
Os ensaios téñenos na Casa da Xuventude os xoves a partir das 19:00h e durante todo este mes de outubro pódese probar de balde… e despois tamén, xa que non hai cuota nin prezo, senón unha pequena contribución a escote para consumicións e algunha viaxe que se faga.
Para entrar neste grupo tan festeiro que non para nin no verán nin no inverno non fai falla saber cantar, abonda con ter ganas de pasalo ben. Quen teña interese pode ir a calquera dos ensaios ou contactar con Amparo Calvo no 687 535 344.