A mediados de setembro, Neda retomaba os seus talleres de estimulación cognitiva. As actividades, destinadas a adestrar as habilidades cognitivas dos máis maiores do municipio e favorecer que se interrelacionen, contan aínda con prazas vacantes. De aí, que o Concello manteña aberta as inscricións.
Unha trintena de nedenses participan xa nas nestas actividades, incluídas dentro do proxecto “Nedactívate”, que se desenvolven os luns pola mañá na Casa da Cultura (dous grupos de memoria) e os mércores á tardiña na Casilla do Puntal (“Mentes activas”). Amabas propostas van dirixidas fundamentalmente a maiores de 65 anos.
Durante as sesións, que teñen unha duración duns 90 minutos, propóñense distintas actividades para conseguir que os participantes se manteñan activos a nivel cognitivo, estimulando as súas capacidades mentais. Ademais, búscase que saian da casa e que establezan relacións entre eles e eles, contribuíndo deste xeito a evitar situacións de soidade non desexada.
As persoas que queiran sumarse, aínda están a tempo. Terán que anotarse, de forma presencial, no centro cívico de Neda, de luns a venres de 9.15 a 11.30 h. Neste momento, quedan prazas no taller do luns, a primeira hora da mañá (9.30 h), e mais no que ten lugar os mércores, a partir das 16 horas, no Puntal.