— A través dunha interface en 3D, o alumnado poderá interactuar con avatares en distintos escenarios deseñados polo profesorado que simulan patróns do día a día
— Román Rodríguez subliña que se trata dun proxecto educativo “innovador e rupturista” que optimiza a formación lingüística mediante un simulacro profesional
— A primeira fase do proxecto aplicarase ao ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos, no que participan os sete centros integrados que ofertan estas ensinanzas
— A Consellería prevé incorporar esta ferramenta ao resto das familias profesionais
A Xunta de Galicia vai incorporar á Formación Profesional galega a primeira ferramenta de intelixencia artificial nestes ensinanzas para que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés a través dunha interface en 3D que lles permite interactuar con avatares en distintos escenarios que simulan patróns do día a día. Isto é, os estudantes de FP veranse inmersos en multitude de situacións e problemáticas personalizadas polos seus profesores coas particularidades correspondentes segundo a familia profesional de que se trate, e ás que deberán enfrontarse neste idioma inglés ao igual que se estiveran vivindo unha situación real.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, este proxecto educativo que cualificou de “innovador e rupturista” na medida en que combina a práctica das destrezas lingüísticas cos últimos avances tecnolóxicos ao servizo da educación. A través
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliñou a potencialidade que ofrece a intelixencia artificial no eido educativo na medida que en permite o deseño de recursos didácticos personalizados e a aplicación de metodoloxías innovadoras na aula como é o caso do proxecto presentado hoxe, que se circunscribe á aprendizaxe de idiomas no eido da Formación Profesional.
Así pois, desde o departamento educativo da Xunta estanse dando pasos importantes como que Galicia sexa a primeira comunidade en aplicar os beneficios da IA á xestión educativa a través do proxecto EdugalIA. Neste contexto, o conselleiro lembrou que se vén de constituír o grupo de traballo para o deseño dun marco ético do emprego da IA no eido educativo e, deste xeito, abordar os riscos que se poden producir. Sinalou, así mesmo, que Galicia foi pioneira na creación de dúas materias específicas de IA para 4º de ESO e 1º de Bacharelato, e referiuse tamén á implantación do Grao en Intelixencia Artificial nas universidades e á oferta de másteres en intelixencia artificial e big data na FP.
Primeira fase en sete centros integrados de FP
O proxecto Vetinen de aplicación da Intelixencia Artificial á FP arranca cunha proposta piloto para o ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos da familia profesional de Hostalería e Turismo e nela participarán os alumnos dos sete centros integrados de FP que imparten este ciclo en Galicia: Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), Compostela (Santiago), Vilamarín (no concello do mesmo nome), A Farixa (Ourense), Manuel Antonio (Vigo) e Carlos Oroza (Pontevedra).
Esta fase piloto, que irá de outubro a decembro, abrangue a preparación da plataforma para a súa posta en servizo (coa configuración de escenas e preparación de actividades), a formación do profesorado para que poida levar a cabo as probas, a realización das probas por parte dos alumnos e a análise dos resultados das mesmas. A partir de aí, a Consellería prevé estender esta ferramenta ao resto das familias profesionais.
Nesta primeira experiencia, o profesorado poderá incorporar situacións personalizadas na que os alumnos manterán unha interacción fluída con avatares adaptados a situacións habituais con clientes e provedores de servizos como, por exemplo, novos clientes que chegan ao hotel para realizar o check-in; clientes xa hospedados que requiren servizos ou información concreta ou persoal de hotel que se atopa ante determinados problemas imprevistos que hai que resolver. En todos os casos, os alumnos poderán, a través da interface en 3D, interactuar co avatar correspondente para abordar cada escena e achegar solucións, sempre en inglés, para garantir a práctica desta competencia lingüística.